Le comigo

Coordinadora dos Clubs de lectura de Pontevedra e Compostela

Eva López

Eva López

Eva López

09-06-2008

Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, seguramente unha primeira lectura compartida por moita xente.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Herba Moura de Teresa Moure, pola orixinalidade, polo estilo, pola temática.

Que libro che gustaría ler en galego?
Opus nigrum de Margarite Youcenar de quen xa está traducido Ana Soror.

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Non sei se diría un referente pero sei que funciona moi ben con xente nova Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras.

Que libro pensas que te ha acompañar esta primavera?
A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos, unha historia contada a través dos ollos dun cativo brasileiro. Está editada en Primerapersona e que estiven pensando en traballar con ela nos clubs de lectura para o ano.

Algún como agasallo para o Día das Letras?
Un sen relación co día pero que é un valor seguro, Xuntos e mais nada de Anna Gavalda. Tamén O que ben che quer, un libro de Álvarez Blázquez cunha fermosa edición.

No traballo nos clubs de lectura de Pontevedra, houbo algún texto co que traballásedes que elixas pola boa acollida?
Funciona moi ben Resistencia de Rosa Aneiros. Nos clubs imos vendo como as reticencias de partida a ler en galego van desaparecendo e tamén que a nosa produción editorial é moi descoñecida. Logo temos en conta o material complementario, se hai algunha adaptación cinematográfica ou filme que comparta contexto histórico, se hai adaptación teatral;así por exemplo programamos a asistencia ao teatro dos integrantes para ver O club da calceta.


Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |