Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Foi un libro de Mafalda. Foramos á Feira do Libro e miña nai quixo mercalo pero non estaban á venda. Aflixida, contoulle ao vendedor que chegara á Arxentina con seis anos e que nunca tivera un libro na súa lingua. Non mentía. O home respondeulle que en ningures ese libro ía ser tan útil como nas súas mans e deullo.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
O Sempre en Galiza de Castelao co que entendín mais da miña vida familiar que coa psicanálise que levo feita ao longo dos anos; e A Esmorga, de Blanco Amor, que foi a descuberta dun universo que aínda me impresiona.
Que libro che gustaría ler en galego?
Gustaríame que a literatura arxentina chegase a Galiza e falase na súa lingua porque, mais do que se pensa, fala dos galegos.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. Porque dun xeito sinxelo (que non simplista) percorre os grandes temas dos que todos os galegos e galegas somos fillos.
Que libro pensas que te ha acompañar esta primavera?
Os policiais que imos traballar no ciclo do Café Tortoni: Crime en Compostela, de Reigosa; e Criminal, de Borrazás; e tamén varios referidos a Eduardo Blanco Amor.
Algún como agasallo para o Día das Letras?
Escollería Así nacen as baleas de Anxos Sumai porque bota unha ollada honesta sobre a familia.
No traballo en Lectores galegos en Bos Aires, houbo algún texto co que traballásedes que elixas pola boa acollida?
Cada libro sementa olladas diversas e interesantes. Land Rover e Home sen nome, de Suso de Toro, foron libros que sacudiron as almas dos lectores. No ventre do silencio, de Ferrín, causou pánico durante a lectura e gozo na análise. E Fábula, de Alcalá, que evidenciou as negras continuidades entre a desfeita do franquismo e a última ditadura militar na Arxentina.