Le comigo

Crítico de cinema e editor de libros de divulgación científica

Martin Pawley

27-06-2008

Cal foi o primeiro libro galego que liches?
Diría dous porque non recordo cal foi antes. Son O misterio das badaladas e A nosa cinza, escritos por dúas persoas, Xavier P. Docampo e Xavier Alcalá, aos que ademais agora teño por amigos e veciños. Falo da época do colexio, do ano 86 ou 87, cando practicamente a única colección que había de Literatura Infantial e Xuvenil era Vía Láctea.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Os dous de Alicia de Lewis Carrol, Alicia no país das marabillas e Alicia a través do espello, que seguen sendo os meus libros de cabeceira. Logo destacaría tamén os Sherlock Holmes de Conan Doyle, que mercaba nunhas edicións moi pequerrechas de Molino, e a novela policial, o xénero negro, por exemplo Colleita Vermella de Dashiell Hammett. Tamén Dickens e os seus textos máis coñecidos, como Canción de Nadal, do que se falou moito e creo que é preciso reler cunha óptica distinta. Hai versións cinematográficas que tamén contribuíron a unha mala interpretación do texto.

Que libro che gustaría ler en galego?
O que menos hai, que é ensaio de divulgación científica e, polo meu interese persoal, libros sobre cinema, pois só se traduce novela e poesía. Se teño que dicir un título, por non dicir o que teño enriba da mesa que é un 'tocho' de mil páxinas que pode asustar aos editores, escollería ¿Que es la vida?, de Erwin Schrödinger.

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Para os nenos, calquera de Gianni Rodari, pois sabía escribir fantasía con naturalidade e humor. Detesto o ton didáctico de moitos libros infantís, esa inercia de querer comerlle a orella aos cativos. Hai que escapar dos tópicos e da corrección política. E Rodari facía xustamente iso, unha literatura libertaria, recomendábel tamén para adultos, sobre todo a imprescindíbel Gramática da fantasía. Para os mozos é máis difícil porque o vexo máis como unha descuberta persoal. Hai rapaces e rapazas de catorce anos que poden estar lendo Crime e castigo e outros coa mesma idade están cos libros das W.I.T.C.H. Por citar outro autor galego recomendaría a literatura xuvenil de Marcos S. Calveiro.

Que libro te acompañará no verán?
Varios. A última novela de Caneiro (A vida nova de madame Bovary), porque teño que facerlle unha crítica; Festina lente, de Marcos S. Calveiro, que presentarei con el tres veces este verán, e Os grouchos, de Manuel Rivas. Por suposto, tamén un libro de pensamento científico: Gödel, Escher, Bach, de Douglas Hofstadter, co que obtivo un premio Pulitzer nos 80.

Algún que elixirías como agasallo para as vacacións estivais dos amigos?
Os dous títulos que levo agasallado máis este ano son O xiro postal, de Ousmane Sembène, e Jesus Betz, un álbum ilustrado de gran formato, editado en español polo Fondo de Cultura Económica, sobre un home que naceu sen brazos e sen pernas.

Como crítico de cinema, algunha obra literaria que che gustaría ver na pantalla?
Hai moitos clásicos moi ben levados ao cine, como poden ser As uvas da ira e O soño eterno, pero gustaríame ver algunha adaptación máis experimental, como Profit motive and the wispering wind, un documental de John Gianvito, inspirado no libro La otra historia de los Estados Unidos, de Howard Zinn, publicado en español por Editorial Hiru. En galego este ano imos ter A casa da luz, sobre o libro de Xavier P. Docampo. Eu son partidario de levar ao cine a literatura infantil e xuvenil, polo que propoñería Rinocerontes e quimeras, aínda que sería moi complicado.


Imprimir

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |