Xosé Manuel Buxán Bran
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Penso que foi unha complicación de poemas de Rosalía en Akal, nunha edición bilingüe.
E un que fose especialmente importante na túa vida?
Posibelmente o que teño máis presente sexa A esmorga de Blanco Amor.
Que libro che gustaría ler en galego?
Durante anos estiven moi interesado na presenza de personaxes homosexuais, algo que botaba de menos en galego, e por iso fun a fontes traducidas ou en español. Penso en André Guide ou en Luís Antonio de Villena.
Cal cres que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Practicamente non lin literatura para cativos e si literatura para adultos porque nunca sentín esa necesidade. A pouca que lin foron cousas en español como Platero y yo que non me interesaron nada. Non dubido de que cumpra un labor importante, pero non fun lector e, ao non ter fillos, tampouco agora.
Que libro pensas que te ha de acompañar neste verán?
Merquei onte Deshonra de Coetzee, traducido en Rinoceronte, e desta mesma teño pendente de rematar Pericle o negro de Giuseppe Ferrandino. Tamén Hai cu d'O Leo, en Xerais. E lerei, de Agustín Gómez Arcos, a tradución ao castelán d'O año carnívoro, cunha mirada sen prexuízos sobre a homosexualidade.
Algún do teu ámbito profesional?
No eidos das artes plásticas aparecen ensaios reflexivos nos catálogos do Cgac ou do Marco que non teñen cabida nas editoriais. Penso por exemplo no recente sobre a exposición de Jorge Macci, Anatomía da melancolía.
Algunha personaxe ou obra da nosa historia literaria que che resulte particularmente atraente polo cuestionamento das identidades sexuais?
Escollería diferentes cousas de Antón Lopo e tamén a novela Peito de vimbio de Alfonso Álvarez Cáccamo, unha historia ben bizarra.