Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
A tradución d'O principiño, que debe ser dos 70.
E hai algún libro que teña un significado especial na túa vida?
Os primeiros libros que me regalou o meu irmán maior, militante da AN-PG, por exemplo Con pólvora e magnolias de Ferrín. Tería eu 15 anos.
Escollerías algún título como referente para a xente máis nova?
Se tivese un neno regalaríalle o que lle lles regalo aos meus sobriños, ultimamente un cómic de Miguelanxo Prado. Gústanme as novelas debuxadas e entre os últimos que lles gustou a eles moito está V de Vendetta. Logo tamén os clásicos, a novela do XIX, cousas de Xulio Verne.
Que libro che gustaría ler en galego?
Pois a mesma V de Vendetta e a obra de Elfriede Jelinek. Tamén, por exemplo, a Biografía da fame de Amélie Nothomb. Paréceme moi interesante como traballan estas autoras. Logo Thomas Bernhard. A literatura europea gústame moito e creo que nos é moi próxima, sempre pensei que os galegos tiñamos algo de rusos ou de ingleses e que hai historias que poderían pasar nas Highlands ou en Carballo.
Que estás lendo agora?
Gustaríame poder dicir outra cousa pero un ensaio sobre poscolonialismo.
Relacionado co teu ámbito profesional, a arte contemporánea, escollerías algún título?
O libro de Carme Adán, Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao cíborg. Falta moito ensaio en galego e gustaríame que se traducisen cousas de teoría fílmica agora que se vive un momento álxido para a tradución.
Un libro que escollerías como agasallo?
Depende de para quen sexa o agasallo pero un libro de Ferrín de narrativa, por exemplo Percival e outras historias.
Traballaches recentemente sobre a construción da memoria en Plan Rosebud, un motivo moi presente na literatura hoxe. Escolles algúns títulos que prefiras polo achegamento a este tema?
Teño que recoñecer que consultamos para o proxecto basicamente ensaio e apenas novela. Pero os ensaios de Xulio Prada sobre este tema está á altura de calquera investigación internacional.