Reportaxes

PROMOCIÓN

Feiras do libro no exterior

Feira do libro Feira do libro
07-12-2006 A Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, realiza unha tarefa de promoción da industria do libro galego coa súa presenza nalgunhas das feiras máis recoñecidas do sector. Xunto coas principais editoriais e distribuidoras galegas, estivo presente na Feira Internacional do Libro Liber, que tivo lugar no Ifema de Madrid do 27 ao 29 de setembro, e na Feira do Libro de Francfurt entre o 4 e o 8 de outubro.
Liber contou este ano con Colombia como país convidado, e o fío condutor das actividades da feira foi o emprego das novas tecnoloxías para a promoción da industria editorial. Galiza estivo presente a través da caseta da Consellería de Cultura e da Asociación Galega de Editores. Este espazo foi a plataforma de presentación do proxecto Praza das Letras,
nun acto ao que asistiron os representantes integrados na Federación de Gremios de Editores de España, ademais dunha representación da sociedade e cultura galegas en Madrid.

As editoriais Rodeira, Do Castro, Alvarellos, Sotelo Blanco, Baía, Hércules, Xerais, A Nosa Terra, Do Cumio, Xuntanza, Primera Persona, Caspere, Kalandraka, OQO e Nova Galicia, e as distribuidoras Arnoia, Estévez, Consorcio, Grial, Alonso e Lloves estiveron presentes en Liber, e parte do material achegado por estas á feira foi doado a entidades privadas e públicas para promover así a produción literaria galega.

A Feira internacional de Francfurt é un espazo privilexiado para a promoción da literatura de calquera país. Un total de 22 editoriais galegas intaláronse na caseta posta a disposición pola Consellería de Cultura para este evento. Neste espazo dedicado á industria editorial galega, instalado na Frankfurter Buchmesse, estiveron presentes as editoriais Rodeira, Hércules, A Nosa Terra, Do Cumio, Rinoceronte, OQO, Lóstrego e as distribuídoras Arnoia, Grial e Alonso, entre outras; contaron con caseta propia Kalandraka e Nova Galicia.

Desta feira xurdiu o convenio coa Biblioteca da Mocidade de Múnic, unha das máis importantes no eido da literatura infantil e xuvenil, segundo o cal se lle remitirá cada ano á biblioteca unha escolla de máis de 50 libros, realizada por un comité de expertos. Unha iniciativa coa que queda patente a vontade da Consellería de promover a industria, os autores e creación literaria con selo galego no exterior.

Imprimir

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |