Reportaxes

BASES DE DATOS

Lg3, soportal de literatura de Cultura Galega

Lg3 Lg3
10-12-2006 A literatura forma parte da rede e nela a difusión literaria sérvese de documentos textuais, gráficos, sonoros e audiovisuais para dar a coñecer as novidades editoriais, traducións e mesmo encontros e debates sobre o libro. Isto é o que fai desde hai tres anos Lg3 onde, ademais de información varia sobre narrativa, poesía, teatro e ensaio, se ofrece a posibilidade de ler unha recensión ou de escoitar as gravacións dos faladoiros da Sección de Literatura.
No 2003 Cultura Galega iniciou Lg3, un espazo pensado como revista electrónica que servise de canle de difusión para a información sobre literatura e industria editorial galega. Lg3 ten vontade de converterse nun sitio que dea conta da actualidade editorial en Galiza, coas novidades, contido das contraportadas, por veces breves fragmentos das obras, e que achegue asemade un certo discurso crítico, ao incluír recensións.

Atende creación literaria, máis tamén outras obras dos campos da socioloxía, da historia, do patrimonio ou do xornalismo, co criterio filolóxico como marco, isto é, coa condición de que sexa produción en lingua galega. Conta cun equipo de críticos de diferentes especialidades, fundamentalmente do medio académico e do ámbito dos estudos literarios, que reparten a súa atención cara aos tres xéneros canónicos, narrativa, poesía e teatro, mais tamén está presente a literatura infantil e xuvenil e outras obras do ámbito das ciencias sociais.

No soportal atopamos tamén un xa cumprido número de novas de extensión breve dedicadas a diversos temas de actualidade literaria, que proveñen da edición diaria de culturagalega.org e teñen aquí o contedor máis axeitado, así como de reportaxes máis detalladas e con menos orientación cara á actualidade, que atenden aspectos diversos sobre a literatura, a promoción do libro e da lectura e a industria editorial. Así, atopamos desde unha centrada nas actividades que se desenvolveron polo aniversario da publicación de Merlín e familia até outra que dá conta do labor creativo do colectivo poético Ronseltz. Aquí podemos acceder tamén aos faladoiros mensuais que organiza a Sección de Literatura e Industrias da Edición, e que están dispoñíbeis para descargar en formato audio. Podemos escoitar a Xabier Cordal falando de literatura e compromiso, a Suso de Toro e as súas reflexións sobre a proxección exterior da literatura, ou unha mesa que conta coa presenza de deseñadores gráficos que traballan para o mundo editorial reflexionando arredor da importancia do seu labor na promoción do libro.

Na sección chamada Lecturas temos presentacións e fragmentos de obras que as editoras van ofrecendo como adianto das novidades, así como ligazóns á web de Rinoceronte Editora desde a que se poden descargar íntegras algunhas das últimas traducións que tiraron, entre elas A posibilidade dunha illa de Michel Houellebecq. Así mesmo, Lg3 proporciona unha serie de ligazóns a outros web que conteñen información sobre o campo literario, nomeadamente á Biblioteca Virtual Galega, proxecto co que comparte a sección de novidades ligadas a un autor ou autora determinados, ademais de información sobre actualidade relativa a presentacións de libros ou certames literarios.

Imprimir

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |