Reportaxes

ASOCIACIÓN DE TRADUTORES

Biblioteca virtual da literatura universal

Bivir Bivir
10-12-2006 A Asociación de Tradutores Galegos, baixo a dirección de Xulián Maure, foi a impulsora do proxecto da Biblioteca Virtual da literatura universal que fixo accesíbel na rede e en galego obras dos grandes clásicos da literatura universal: creadores como Allan Poe, Honoré de Balzac, Zola, Stendhal, Hans Christian Andersen, Bierce, Ambrose, Boccacio... Co tempo ampliou a oferta cara ao ámbito científico, fíxose patente a vontade didáctica ao introducir breves recensións sobre autor e obra ligadas aos textos que, ademais de lerse en liña, pódense descargar.
O proxecto coñécese como Bivir e, co abeiro da Asociación de Tradutores Galegos, foi unha iniciativa pioneira á hora de colocar literatura en galego na rede. Naceu coa vontade de achegar a literatura universal aos lectores, e cunha escolma inicialmente canónica e centrada na narrativa europea do realismo, con Balzac, Zola ou Stendhal, e autores clásicos da denominada literatura infantil e xuvenil, Andersen ou Perrault, así como da tradición latina e renacentista, de Cicerón a Boccacio.

Aos poucos foi medrando e dando cabida a textos menos canónicos, misceláneos, ou a xéneros máis minoritarios. Así, prosas poéticas de Baudelaire traducidas por Xela Arias ou un poema de Bernardo Atxaga. Agora mesmo ten unha nómina de arredor de 80 tradutores e tradutoras, maioritariamente pertencentes ao mundo académico, profesores das filoloxías ou de tradución, estudantes e licenciados en tradución ou lingüistas.

A ordenación do web permite acceder a listaxes por autor, tradutor ou título e coloca nun epígrafe á parte a "biblioteca científica", onde salienta a obra que recibiu o premio de tradución Plácido Castro deste 2006, A herdanza dos caracteres adquiridos de Michel Delsol, traducida do francés por Iolanda Galanes Santos e Marta Panero Louzán, nestes caso con copyrigth da Asociación de Tradutores Galegos para a edición, e con versión electrónica en pdf para descargar.

E coas mesmas características técnicas, pero máis recente incorporación, a Historia da shoah do historiador Georges Bensoussan. Pero tamén outras cunha fasquía máis divulgativa como a tradución que Ánxela Gracián nos ofrece de As seitas de Jean-Jacques Wunenburger que orixinariamente apareceu en "Que sais-je?" de PUF. Salientan, así mesmo, outras obras, polo potencial interese así como por estaren traducidas integramente. "Pola banda de Swann» a primeira parte da obra de Marcel Proust Á busca do tempo perdido pódese ler enteira, igual ca o Decamerón de Boccacio, o Fausto de Goethe na tradución de Lois Tobío, Os crimes de amor do marqués de Sade ou A dama das camelias de Alexandre Dumas.

Entre as novidades destaca O condutor de autobús que quería ser deus, do israelita Etgar Keret, publicado por primeira vez en hebreo en 1998 e recentemente en papel por Rinoceronte Editora. A meirande parte das obras pódense descargar nun formato de texto ou ver directamente en liña. Tamén, quizais pola explícita vontade de ofrecer materiais que poidan ser empregados no ensino, fóronse incluíndo breves recensións con información sobre o autor e a obra, valiosas para a súa contextualización.

Imprimir

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |