Reportaxes

CGAC, MARCO E FUNDACIÓN LUÍS SEOANE

Proxecto edición

Proxecto edición Proxecto edición
10-12-2006 O Proxecto-Edición, presentado a finais do 2005 e organizado polo polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), polo Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo e pola Fundación Luís Seoane, pretende acompañar, complementar e incluír unha triloxía de exposicións e actividades anuais pensadas para implementar as potencialidades do sector editorial ampliando a nómina de soportes e formatos atendidos até o de agora: edición dixital, edición de imaxe, de libro de artista.
Quérese traballar desde unha óptica superadora dunha visión máis convencional da edición no ámbito das artes plásticas e visuais, que reparaba fundamentalmente no ensaio, no manual e no catálogo. Os obxectivos de partida son:
  • Iniciar un proxecto pioneiro e diferencial baseado na edición.
  • Investigar o estado da cuestión e a realidade da edición na sociedade da información.
  • Desenvolver proxectos e aplicacións específicas e prácticas das potencialidades da edición como ámbito creativo.
  • Incentivar producións con carácter excepcional.
  • Propiciar unha reflexión sobre o estatus da información e a construción desta a través de sistemas codificados de edición.
  • Incentivar contactos entre artistas, deseñadores e editores.
  • Xerar un ámbito de debate e de estímulo para potenciar os ditos contactos.
  • Activar unha área de produción baseada na investigación e na calidade que converta Galicia nun punto de referencia deste ámbito creativo e investigador.

Cada ano as actividades vanse organizar arredor dun eixo temático. Neste 2006 baixo o epígrafe 'O futuro da actualidade', título tamén dunha exposición que se pode ver até o 10 de decembro no CGAC e que fala dun mundo dependente do acceso á información, da novidade, das formas de construción do que se considera actualidade e de como se perfila o futuro na comunicación desde o punto de vista da creación visual. Esta reflexión veuse complementada polo de agora coa outra exposición do proxecto, Paperback, edicións baratas, así como co encontro- feira que se desenvolveu en Pontevedra a finais de outubro e onde se presentou unha publicación do proxecto, Entre-cruzar, obra que xunta artistas plásticos, escritores, creadores audiovisuais, nunha reflexión sobre cuestións que van da identidade gráfica ao territorio.

En colaboración coa Radio Galega, no espazo As Quimbambas, emitiuse un serial radiofónico titulado Novembro, con sete capítulos de aproximadamente dez minutos en que se conta unha historia de misterio e paixón nunha vila da Costa da Morte. Esta actividade complementarase co desenvolvemento, en decembro, dunhas xornadas de práctica radiofónica na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

No 2007 as actividades realizaranse baixo a idea de Informacióncontrainformación e preténdese que cada unha delas posibilite unha relación con públicos diferenciados e un potencial de exploración que sexa ao mesmo tempo autónomo e complementario. O proxecto constará, daquela, de oito facetas para atender á complexidade do fenómeno contemporáneo da edición: investigación, produción, espazo de documentación, portal web, exposición, distribución, colaboracións, obradoiros e seminarios, e encontro-feira.

Imprimir

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |