
Poeta, ensaísta
A promoción poética dos oitenta tivo en Pilar Pallarés unha das súas voces máis suxestivas. A ausencia amorosa, a destrución persoal asociada á mesma e a asunción purificadora da soidade foron eixos dos seus primeiros libros. En Livro das devoracións, a súa lírica alcanza a súa expresión máis complexa e brillante. Ademais da poesía, ten traballado a crítica e o ensaio literarios.É en Vigo, durante a adolescencia, que Pilar Pallarés comeza a escribir. Os seus primeiros versos están escritos en castelán, mais a súa forma de expresión axiña mudará ao galego. Estuda Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago e logo completará os seus estudos en Lisboa. Dedicada profesionalmente ao ensino, a súa produción literaria está capitalizada pola poesía, aínda que tamén se achegou ao ensaio e a crítica literaria colaborando en diversos xornais (El País, A Nosa Terra, O Correo Galego) e revistas especializadas como Nordés, Grial, Festa da palabra silenciada, Zurgai, Si scrive, Luzes de Galicia, Anthropos ou Dorna. Actualmente vive na Coruña e imparte Lingua e Literatura Galegas no IES Menéndez Pidal desta cidade.
Considerada integrante da promoción de poesía galega dos oitenta, a carreira literaria de Pilar Pallarés dá comezo en 1979, ano en que recibe o Premio Poesía Nova O Facho da Coruña. O ano seguinte publícase o seu primeiro libro, Entre lusco e fusco (1980). Xa agroma aquí a aposta da autora por unha poesía do coñecemento que gravita arredor da soidade provocada ante a ausencia do amor, que devén en fonda desesperanza, e da dificultade de comunicación. Tamén contén poemas de corte social á maneira de Manuel María, Luís Seoane e Celso Emilio.
En Sétima soidade (1984), libro polo que lle foi concedido o Premio Esquío, a poeta abandona o socialrealismo e rompe co androcentrismo, amosando ademais unha asunción da tradición literaria feminina. É tamén un libro sobre o intimismo amoroso, pero neste caso o eu lírico colócase no grao máximo de soidade, de par da cal aboian o illamento e a morte. Esta soidade conduce á destrución, e o único camiño posíbel é asumir a limitada condición do ser humano. Carmen Blanco escribiu que a dor e a negación persoal do eu poético remata nun rexurdimento do mesmo cando “a lucidez do desencanto destrúe a esperanza e o desexo e se asume a verdade da absoluta soidade”.
Nestes anos, Pallarés intervén nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), que aglutinan un grupo de nomes que comparten un tempo e unha cidade, A Coruña, e tamén outros proxectos colectivos como a revista Luzes de Galiza. Trátase, xunto a Pallarés, de Xavier Seoane, Xulio Valcárcel, Miguel Anxo Fernán-Vello, Lois Pereiro, Manuel Rivas, Francisco Salinas Portugal, Miguel Mato Fondo, Lino Braxe e Xosé Devesa.
Comeza neste intre un longo silencio poético de Pilar Pallarés. En 1996, a poeta regresa con Livro das devoracións, asinando a súa mellor obra até a data. Supón unha continuación da poética de renuncia, da calma encontrada na desesperanza e na asunción da soidade, do paso do tempo e da morte como destino único do ser humano. Algúns dos seus trinta e cinco poemas recuperan a liña amorosa de Sétima soidade, mais o verdadeiro eixo temático do Livro das devoracións xa non é o desamor, senón outras claves da lírica intimista como a destrución do paso do tempo, a presenza da morte e a dialéctica entre memoria e esquecemento.
Pallarés tense achegado tamén ao eido do ensaio literario: en 1991 publica Rosas na sombra. A poesía de Luís Pimentel (1991). Tamén interveu na elaboración de material didáctico sobre literatura, como Literatura galega do século XX, feito en colaboración con Mato Fondo e Salinas Portugal. Moi destacábeis son os seus escritos diversos sobre a presenza das mulleres na literatura.