Autores

Antonio Tovar Bobillo

1921, Rairiz de Veiga - 2004, Ourense

Poeta, ensaísta

O “poeta do pesimismo”, membro da Promoción de Enlace e autor bilingüe en galego e castelán, deixou unha obra fondamente arraigada no intimismo existencialista. A melancolía, a procura baldía de Deus e o escepticismo ante unha realidade desacougante son algúns dos asuntos centrais nos libros de Tovar. Foi tamén un dos precursores da poesía social en Galicia e cultivou, en moita menor medida, a prosa e o ensaio.

Nacido en Rairiz de Veiga, a súa infancia transcorre entre a vila natal e Ourense. A súa formación comeza co estudo de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, pero non a conclúe ao decidir ingresar nos xesuítas en Salamanca. Axiña deixará tamén a orientación relixiosa, aínda que sería decisiva na súa actitude vital e poética, onde as cuestións existenciais e relixiosas están sempre presentes.

En 1942 gaña a oposición a Contador do Estado e é destinado a León. Anos despois trasládase ao Ourense e traballa como funcionario de Facenda. Nesta cidade é expulsado da administración en 1967 por pertencer ao Partido Comunista. Daquela pon en marcha a libraría Tanco, onde mantén relación con Vicente Risco -quen lle abrirá os ollos á lingua e á literatura galegas-, Ferro Couselo e López Cid. Tal será a actividade que ocupará o resto da súa vida.

Na década dos cincuenta comeza a súa carreira literaria en castelán co libro Barro de nadie (1955, inédito), ao que sucedería El tren y las cosas (1960) e El ladrido (1961). Despois de varios libros de poemas nesta lingua, dá o salto ao galego con Arredores (1962), publicado na coñecida colección Salnés. Velaquí a cristalización dunha evolución interna que o leva a reencontrarse co galego, poñendo de manifesto a súa fonda preocupación co asunto lingüístico, expresada no poema “Lingua que rexeitaron os meus pais”. Dous anos despois escribe un volume en castelán que inclúe tres poemas en galego, La Lanzada (versos hacia el mar) (1964) e regresa ao galego con Non (1967). En 1975 publica Poesía galega completa, que inclúe os dous libros galegos anteriores, unha revisión dos tres poemas galegos de 1964 xunto con outro inédito, agrupados todos eles baixo o título Catro poemas, e tamén un poemario inédito até o momento, O vento no teu colo. Posteriormente publica Calados esconxuros (1980), libro de reivindicación do idioma, Berros en voz baixa (1990), A nada destemida (1991) e Cadáver adiado (2001). Toda a súa poesía en castelán está recollida no volume Poesía en castellano (1955-1973) (1987).

Os inicios da súa obra caracterízanse polo predominio do existencialismo e das súas constantes: a dúbida metafísica, a melancolía, a ausencia de Deus na realidade cotiá, o escepticismo, etc. A linguaxe ponse ao servizo da transparencia e da autenticidade do sentimento poético. Co paso dos anos, a súa voz vira cara á preocupación social, converténdoo nun dos precursores desta corrente na poesía galega nos anos sesenta. A visión individual manifestada no uso da primeira persoa fora unha constante na fase anterior, mais o afastamento de Deus lévao a achegarse ao uso solidario do nosoutros como voz poética dominante. O poeta cántalle agora aos homes desgraciados, aos que sofren. O prosaísmo natural da poesía social é tamén a aposta formal de Tovar nesta etapa.

Alén da poesía, Tovar publicou relatos curtos -algúns dos cales foron incluídos no volume A grande ilusión e outros contos (1989)-, cadernos de confidencias -Diario sin datas (1987) e Diario íntimo dun vello revoltado (2001)- e mais ensaio: con Xoán XXIII e a Terra recibiu o Premio Amor Ruibal 1966. Un galardón temperán fora o Premio dos Xogos Florais de Guimarães de 1960, no que obtivo o primeiro e o terceiro premios por dous poemas (“O can” e “Responso saudoso para don Henrique o Navegante”) que logo incluiría en Arredores. En 1972 gañaría de novo o certame, e máis tarde recibiría o Premio da Crítica Galega (1981), o Losada Diéguez (1991) e o Celanova, casa dos poetas (2003).

En 2004, Antón Tovar falece en Ourense despois dunha longa enfermidade. Ao ano seguinte publícase a súa obra completa en galego en dous volumes: Poesía en galego I (1962-1975) e Poesía en galego II (1980-2001). Neles fica un legado de pesimismo, realismo existencial, desexo de transcendencia, misterio relixioso e rebeldía ante as miserias do mundo. En 2005, Galaxia publica Antonio Tovar: conversas cun vello revoltado, resultado do material recabado por Xosé Manuel del Caño en diversos encontros co poeta.


Imprimir



Libros de Antón Tovar

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |