Autores

Vicente Martínez Risco e Agüero

1884, Ourense - 1963, Ourense

Narrador, ensaísta e dramaturgo

Representa unha das personalidades máis complexas e relevantes da Xeración Nós. De carácter individualista e conflitivo, que reflectiría en moitas das súas obras, o ourensán foi narrador de referencia e teórico do nacionalismo, entre outras moitas achegas.

Vicente Martínez Risco e Agüero naceu en Ourense en 1884. Tras unha infancia enfermiza, licenciouse en Dereito en 1906. Conseguida a praza de funcionario na delegación de Facenda da vila natal, emprende a lectura das vangardas literarias e filosóficas. Na orixinalidade intelectual e na adopción de actitudes extravagantes vía un xeito de afastarse da vulgaridade que o rodeaba. En 1913 marcha a Madrid a estudar Maxisterio. Alí reside ata 1916, cando regresa a Ourense como catedrático de Historia da Escola Normal. Un ano máis tarde fundaría co avogado Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria.

En 1918 co achegamento ás Irmandades iníciase á etapa máis fecunda do autor, na que se converterá en teórico do nacionalismo galego (Teoría do nacionalismo galego, 1920). Chegarían despois Elementos de metodología de la Historia (1920) ou El problema político de Galicia (1930). A evolución ideolóxica de Risco, dende o individualismo e a rebeldía da mocidade ao galeguismo quedou plasmado no ensaio Nós, os inadaptados, publicado en en 1933 na revista Nós que el mesmo fundara trece anos atrás xunto con Castelao, Losada e Noguerol. Participou asemade no Seminario de Estudos Galegos, no que dirixiu a sección de Etnografía e Folclore, disciplinas cultivadas ao longo da súa vida e plasmadas en estudos como Da mitoloxía popular: os mouros encantados (1927), Ensaio dun programa pró estudio da literatura popular galega (1928) ou Notas sobre las fiestas del Carnaval en Galicia (1948).

Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta, con Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919) ou O lobo da xente (1925), para seguir cunha novela fundamental na literatura galega: O porco de pé (1928). Nesta obra, a única novela de Risco en galego, o autor satiriza diversos aspectos que rexeita, como a vulgaridade, a sociedade de consumo, a hipocrisía dos políticos ou o marxismo. A súa única incursión no teatro foi O bufón de El Rei, que non pasa de ser unha continuación da súa obra narrativa. Pouco antes da súa morte, Risco publicará a instancias de achegados como Otero Pedrayo ou Fernández del Riego Leria (1961), unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios redactados na nosa lingua entre 1920 e 1955.


Imprimir



Libros de Vicente Risco

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |