Autores

Luís Amado Carballo

1901, Pontevedra - 1927, Pontevedra

Poeta, narrador, xornalista

As vangardas poéticas tiveron en Amado un dos seus membros máis destacados por ser o creador da chamada corrente hilozoísta ou animista, tendencia de grande éxito na súa época e instauradora dunha importante escola. Encadrado por algúns na Xeración de 1922 e por outros na de 1925, a súa morte temperá deixou cativa a súa obra poética, composta de só dous libros.
Amado Carballo nace no seo dunha familia conservadora e ilustrada, con antecedentes no cultivo da literatura. Estudou Maxisterio e Dereito, carreira esta que non acabou. En 1920 marcha a Madrid, onde mantén contacto co mundo bohemio e asiste ás tertulias literarias. Alí comeza o seu labor como xornalista e escritor e publica artigos e textos de creación en poesía e prosa, alternando galego e castelán, en España, La Tribuna, Vida gallega, Diario de Pontevedra, e sobre todo en La Concordia -xornal vigués no que publica poemas que logo recollerá nos seus libros-, El Pueblo Gallego e A Nosa Terra. Un destes artigos, sobre o culto á vaca astral, motiva unha polémica pública de Amado Carballo con Vicente Risco. En 1921 volta a Pontevedra, onde frecuentará as tertulias poéticas do poeta Juan Bautista Andrade, grande influencia para a súa obra. En 1922 funda en Pontevedra a revista Alborada, na que se publicará por primeira vez o seu poemario Proel (1927). Aínda en 1922 publícase un número extraordinario da revista no que se inclúe Maliaxe, unha obra en prosa na que Amado mestura intimismo e o neopopularismo. En 1925 publica Os probes de Deus, unha obra menor que algúns críticos xulgaron demasiado debedora da prosa de Valle-Inclán. Este ano é transcendental na vida de Amado Carballo, xa que contrae a tuberculose que o levará á morte dous anos despois. Neste intre retoma os estudos universitarios, acode con maior frecuencia ás tertulias literarias -especialmente ás de Rafael Dieste, Francisco Luís Bernárdez e Maside- e mantén correspondencia con Vicente Huidobro.

O ano seguinte, a súa enfermidade obrígao a pasar unha temporada de retiro en Soutelo de Montes, onde quedará moi impresionado pola paisaxe. Ao seu regreso escribe a maior parte dos poemas de O galo, o seu poemario póstumo, que algúns amigos levarán ao prelo en 1928. Morre con só vinte e seis anos deixando só dous libros de poesía, mais decisivos para a literatura do século XX ao dar inicio a unha importante escola, á que pertenceron Euxenio Montes, Augusto Casas, Manuel Luís Acuña, Xulio Sigüenza ou Blanco Amor. Con ela comeza o hilozoísmo, unha corrente na que se mesturan trazos franciscanistas, panteístas e espiritualistas no seu xeito de achegarse á natureza. Por iso supón asemade unha prolongación e unha renovación da sólida tradición poética baseada na paisaxe que atopamos a principios do século XX, na que destaca un Noriega Varela que comparte a cosmovisión de Amado Carballo.

O hilozoísmo sitúase ao mesmo nivel ca outras tendencias do momento, o neotrobadorismo e o neopopularismo. Normalmente clasificadas como vangardas, o certo é que estas correntes non son verdadeiramente rupturistas, senón continuadoras da tradición literaria galega. Porén, a personificación da paisaxe -nunca a identificación con ela, como fixeran os románticos- e mais a abundancia de imaxes e metáforas novas e insospeitadas que reforzan a animización dos diferentes elementos paisaxísticos, converten a súa obra nunha proposta orixinal, se ben incorporan moitos dos trazos que aparecen na poesía galega asociada á paisaxe.

Formalmente é moi conservador e prefire as formas métricas con rima e medida semellantes ás empregadas na literatura popular, o que o arreda do seu contemporáneo Manuel Antonio, moito máis rupturista e innovador. Proel inclúe os únicos poemas amorosos en galego que se conservan de Amado Carballo, dedicados á súa muller. Son composicións breves que semellan cadros ou estampas nos que o autor recolle as súas impresións diante da paisaxe, que ocupa en todo momento o centro de atención. O galo está menos imbricado coa tradición e contén pegadas claras do ultraísmo, como demostra o atrevido uso das imaxes.

Algunhas mostras narrativas e poemas esparexidos en diferentes publicacións periódicas foron recollidas por Xosé María Álvarez Blázquez na súa edición Obra en prosa e verso (1970).


Imprimir



Libros de Amado Carballo

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |