
Poeta, narrador e tradutor
Darío Xohán Cabana a través da súa obra extensa evoca a tradición como elemento necesario para construír o presente e transformar o mundo. Para logralo emprega os recursos lingüísticos e insiste na capacidade do exercicio literario. A súa evolución tende á depuración da técnica, estando o compromiso ético sempre presente.
Durante os anos 70 dedícase á venda ambulante de libros, seguindo a Manuel María como mestre literario. A finais da década ingresa en Edicións Castrelos, de Vigo, onde traballa con Xosé María Álvarez Blázquez durante cinco anos.
Nesta época acentúase a súa conciencia nacionalista, xa presente no legado familiar, e comeza a escribir poesía inscrita no socialrealismo para atopar, con posterioridade, a súa voz propia: recoñece a necesidade interna que o impulsa a escribir. Agora ben, a súa conciencia non pode deixar de ser política: o social é, para Darío Xohán Cabana, unha pulsión que coa actividade literaria se explica, se articula. Entende que a literatura pode ser unha arma política, pero non se reduce a iso. De feito, elude a clasificación de escritor profesional, para non escribir por necesidade económica e así facelo só por necesidade vital.
Cultiva distintos xéneros, da novela histórica á ciencia ficción, pasando pola poesía, os relatos curtos ou os contos infantís. Todos eles baixo a influencia, de Álvaro Cunqueiro, aínda que el se recoñece preto de Ramón Otero Pedrayo e de Méndez Ferrín.
Na poesía, coa que se estrea na literatura, opta sempre polas formas clásicas, nas que se sente cómodo. Destaca no emprego do soneto, estrutura que lle axuda a non dispersarse. Aínda así, empregou nalgunha ocasión o verso libre, pero sempre rítmico. O seu primeiro libro publicado é Verbas a un irmao (1970). Neste mesmo ano tamén aparece Home e terra e pouco despois, en 1973, Romanceiro da Terra Cha e Mortos porque Galicia viva. Proseguiu neste ámbito con Elexía nunha escuridade mortal (1974).
Os campos da fame (1980), A fraga amurallada (1983), Cantigas de amor vilao (1987), Amor e tempo liso (1989) ou Cinco lendas (1993) son algunhas das obras aparecidas antes de Canta de cerca a morte (1994), Premio Martín Codax de poesía. No 2003 toda a súa obra poética sae publicada nun único volume titulado Vinte cadernos. Despois edítanse Antoloxía do Doce Estilo Novo e Cabalgada na brétema, no 2004 e no 2006, respectivamente.
Co tempo, Darío Xohán Cabana escribe narrativa, xénero ao que nacera en 1973 con Memoria dunha aldea. Ata 1989 non achegará nada novo a este campo, pero ese é o ano en que gaña o Premio Xerais de novela con Galván en Saor, un dos libros máis vendidos da historia da literatura galega. En 1994 repetiría galardón con O cervo na torre, obra en que, xunto con Morte de Rei (1996), se acentúa o lazo entre literatura e política. Mentres tanto ofrece Fortunato de Trasmundi (1990), finalista do Premio Blanco Amor, O libro dos moradores (1990), Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992), finalista do Torrente Ballester, Vidas senlleiras (1992), Premio da Cidade de Lugo, e Cerco de ferro, tamén do 94. Recentemente achega Mitos e memorias (2003) e Dende o Himalaia a Ceilán (2004).
No xénero infantil e xuvenil destacan Chirlo merlo na figueira (1989), As aventuras de Breográn Folgueira (1990), O milagre das estrelas. Aventuras do Mago Antón no Camiño de Santiago (1993) ou O castrón de ouro (1994, Premio Barco de Vapor), entre outras.
Así mesmo, salienta o seu labor como tradutor, polo que recibe en 1991 a Medalla de ouro do concello de Florencia (Italia) coa súa tradución d'A Divina Comedia, de Dante. Tamén foi galardoado co Premio Ramón Cabanillas en 1994 pola tradución de Vida nova, do mesmo autor.
Darío Xohán Cabana, que non se considera autodidacta, na medida en que contou con amigos mentores, coma Antón Santamarina ou Méndez Ferrín, entende que as súas vocacións serían a de filólogo e a de historiador. Reflexiona sobre a historia, máis que amosala, empregando a lingua como instrumento apto para a reordenación do presente dun país. Isto implica un exercicio de investigación que o atrae considerablemente, botando man nas súas creacións da intertextualidade ou do xogo de referencias. A chegada a Lugo do primeiro tren, exemplo do seu bo facer histórico, publicouse en 2005.
É colaborador en medios escritos como Adiante, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. Forma parte do Consello de redacción de A Trabe de Ouro.
Dende o 22 de abril de 2006 é membro da Academia Galega.