Poeta, narradora e xornalista
Lupe Gómez irrompe no campo literario galego coa contundencia dunha obra autoeditada e conflitiva e convértese nunha das voces máis singulares da xeración poética dos 90. Desde daquela leva creado un universo textual articulado por motivos como a infancia, a identidade feminina ou os conflitos derivados do esfarelamento da sociedade rural de marcada autorreferencialidade.
Naceu en Fisteus, nunha aldea da Coruña, en 1972. Filla de emigrantes, desenvolve a súa infancia nesta contorna rural, que marcará a súa obra. As vacas, por exemplo, serán un elemento simbólico recorrente que expresará inocencia, a calma que dá a integridade.
Aos 13 anos un fito marcará o seu crecemento: marcha á Coruña estudar o bacharelato. Pero esta escolla non resultou tan doada como pensara. A distinción artificialmente contraposta e polarizada entre rural e urbano provocaba o desprezo dos compañeiros e compañeiras de aula. Deste xeito, Lupe, neste ambiente que lembra hostil, muda a fala ao castelán ao interiorizar que falar castelán é preciso para relacionarse. Así que Lupe gaña en timidez, debido ao illamento social que vive durante a adolescencia. Esta xerminación e contención da angustia irá determinando os elementos que comporán, co tempo, o universo literario de Lupe Gómez.
Posteriormente, chega a Compostela a estudar Xornalismo e inicia a súa andaina poética en 1995 co libro Pornografía, que escandalizou a xente (non só) do seu lugar de orixe, unha rabuñada no peito de Lupe.
Pero este non é motivo nin causa maior para que a autora modifique o seu artellamento da realidade e catro anos despois regresa con forza, alporizando a moitos sectores sociais, con Os teus dedos na miña braga con regra (1999), obra excluída das axudas á edición por escrúpulos morais do goberno de daquela.
Deste xeito e con moita ironía, un ano despois sae á luz Poesía fea... Pero no 2001 recompón todas as súas relacións, afectadas pola concepción provocadora da arte, cunha homenaxe á súa terra, cun libro reivindicativo, no que expón as experiencias íntimas de quen tivo que rexeitarse e anularse por ter nacido nunha aldea. Un libro en que demanda o valor do idioma, da Galicia rural, da familia. Fisteus era un mundo sitúase entre o confesional e as memorias (da nenez) e está escrito cunha prosa crúa, espida, sincera, visceral. A autora recoñece que escribir esta obra, remexer nas lembranzas e traumas soterrados, lle resultou moi duro. No entanto, a finalidade deste libro transcende a experiencia íntima de Lupe Gómez e ela ofréceo como defensa de todas as persoas nacidas no rural, porque “ser da aldea é levar a forza e a paz nos ollos”.
Segue coa publicación de Querida Uxía, no 2004, adicada ao público infantil e xuvenil. Pero nesta data Lupe volve alterar as mentes máis politicamente correctas con Levantar as tetas. Para ela, este libro é unha mostra do seu orgullo de ser, é a recuperación da fachenda espoliada moito tempo atrás.
As experiencias que lle reporta a súa amizade con Luz Fandiño aparecen reflectidas no libro autoeditado en 2005, de cariz biográfico, Luz e Lupe. Ano prolífico no que tamén se publican Azul e estranxeira e O útero dos cabalos.
Lupe Gómez presenta outra autoedición no 2006, Quero bailar, obra que pasea polos recunchos composteláns e conta o observado cuns ollos acuosos pero acougados.
A escrita é para a autora unha sorte de ritual catártico, instantes de absoluta liberdade nos que se desfai de todo o que manca no seu espírito.
Lupe Gómez participa a miúdo en recitais poéticos. Por outra banda, colaborou en El Correo Gallego e actualmente achega a Galicia Hoxe a súa particular visión do mundo con críticas literarias e teatrais e con dúas seccións fixas: “Bailarinas”, unha sorte de diario, e “Calidoscopio de cores”, entrevistas que escapan ao canon estritamente xornalístico.
A autora foi construíndo un estilo poético transgresor pero sincero, de palabras contadas pero cargadas (de todo o que ela leva dentro). Por iso, o que se valora da súa contribución ás letras galegas é a espontaneidade e a valentía coas que Lupe crea.