
Narrador
Xosé Antonio Neira Cruz é un dos escritores máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega e, malia ter unha escrita moi independente e fóra das principais correntes, pode situarse como enlace entre os autores máis pedagóxicos dos anos oitenta e a temática máis libre e imaxinativa que domina no século XXI.
Xosé Antonio Neira Cruz naceu en Santiago en 1968 e pertence a unha das primeiras promocións de escolares que recibiu o ensino en galego ou, cando menos, de lingua e literatura galega. É dicir, formouse cando se estaban a producir as primeiras experiencias educativas e cando a literatura, utilizada como apoio ao ensino, aínda estaba en produción e en calidade lonxe da que se estaba a empregar, por exemplo, en lingua castelá.
Licenciado en Filoloxía Italiana na Universidade de Santiago e doutor en Ciencias da Información na mesma universidade, levou unha traxectoria profesional a medio camiño entre o xornalismo e a literatura. Xornalista en Galicia Internacional e en Tempos novos, deixou a práctica do xornalismo polo seu estudo, e na actualidade é profesor de xéneros xornalísticos na facultade compostelá. En paralelo, a súa vinculación literaria como escritor de literatura infantil e xuvenil veuse apoiada polo seu traballo de activación cultural. Membro de Gálix, membro posteriormente do International Board on Books for Young people, a máis importante organización mundial de promoción da literatura infantil e xuvenil, está á fronte do comité organizador do Congreso Internacional desa entidade, que se celebrará en Compostela en 2010. Ademais, é o promotor e director da revista Fadamorgana de literatura infantil e xuvenil, e foi coordinador literario da editorial Tambre-Edelvives e das súas coleccións Ala-delta e Catavento, orientadas ao público máis novo, ata 2003. Na actualidade desempeña un cargo semellante na editorial Galaxia, coas coleccións Árbore e Costa Oeste.
A súa carreira literaria comezou realmente cedo, pois con 20 anos converteuse no autor máis novo en gañar o premio Merlín, en 1988, con Ó outro lado do sumidoiro. Nesta primeira peza narrativa, orientada a un público infantil, recollía estilo e temas dos libros máis rompedores da época, como Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín.
Posteriormente publicou Melanio e os paxaros, de 1990, e en 1998 rompeu con esa liña buscando un texto moito máis lírico, onde tocaba mitos clásicos como a anagnórise e o papel da muller en Valdemuller. Este texto recibiu o premio Barco de Vapor de 1998, ao igual ca Os ollos do tangaleirón, publicado en 1999, e tamén galardoado co Barco de Vapor. En 2000 deu ao prelo As cousas claras, unha novela cun cariz moito máis social onde o debate e a reflexión a propósito do sexo e da manipulación da mocidade non resta azos ao peso da aventura, intensa e emocionante. A súa traxectoria continuou con Os gatos de Venecia de 1991, finalista do premio Lola Anglada, ou con outros volumes onde pasa a primeiro plano a recuperación da literatura popular como en O xenio do sultán de 1998, A caixa do tesouro de 2001 ou O home máis rico do mundo, de 2002. Esa liña rómpea en 2003 con O armiño dorme, onde explora a temática da novela histórica pero dende unha perspectiva intimista, e onde unha vez máis realiza perfectos relatos psicolóxicos de personaxes femininos, neste caso na Italia do século XVI. Este libro foi recoñecido entre os dez mellores do mundo para rapaces polo Banco do Libro de Venezuela.
Outras obras:
Rosalía tralas máscaras do tempo, 1994 (biografía)
Castelao no mar do tempo, 1995 (biografía)
Paio Gómez Chariño, ...a mui gran coita do mar, 1996 (biografía)
Así viviu... Ánxel Fole, 1997 (biografía)
As porcas porquiñas, 1997 (narrativa)
Caramelos Martín Codax, 1998 (biografía)
Rumbo á illa de San Simón, 1998 (biografía)
Xograr Cangas e Asociados, 1998 (biografía)
María está a pinta-lo mar, 1998
A memoria das árbores, 2000 (narrativa)
Eu son adoptada ¿e que?, 2004 (narrativa)
Mambrú, cociñeiro de perfumes, 2005 (narrativa)
A noite da raíña Berenguela, 2005 (narrativa, premio Lazarillo do Ministerio de Cultura)