Narrador, poeta e autor de literatura infantil e xuvenil
Xosé Miranda é licenciado en Bioloxía, profesor de bacharelato, narrador e poeta, é especialista en literatura de tradición oral.
Como poeta ten publicado: Sonetosfera (1996), accésit do Premio Esquío 1995; Andantes e viaxeiros (1996), Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1995; Carozo azul (1997); Permiso para o corso (1997), Premio Esquío 1996. A súa poesía está reunida no volume As cidades mergulladas. (Poesía reunida 1973-2002) (2003).
Como narrador deuse a coñecer co relato Na terra sombría (1988), Premio Modesto Figueiredo; foron as súas obras posteriores: Historia dun paraugas azul (1990, 2006), Premio de novela García Barros; A biblioteca da iguana (1994, 2006), relatos; A neve e a cadeira (1994), relato longo; A tres bandas (1995), novela policíaca; Vestio (Nigra 1995, Xerais 2008), novela; Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, 1994; O demo á orella (1996), relatos; ‘Seis medos’ en Antoloxía do conto galego de medo (1996); Morning star (1998), Premio Xerais de novela; Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), novela; Ariadna (2002), novela; Pel de lobo (2002), novela, Premio Merlín 2002; o relato “Tarxeta vermella” publicado en Materia prima (2002) e Tarxeta vermella (2003), relatos. Os seus contos de medo están recollidos nos volumes Triloxía pánica (2000) e As mans do medo (2007).
Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000), Feitizo (2001), Álvaro e Álvaro (2004), Federico na silveira (2006) e Amancio Amigo e o meigo de Salamanca (2006).
Tamén é coautor xunto con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba do Diccionario dos seres míticos galegos (1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo é co-autor dos volumes Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (2001), Pequena mitoloxía de Galicia (2001), Cando os animais falaban (2002), Antoloxía do conto galego de tradición oral (2002) e Arrepíos e outros medos (2004) e A flor da auga (2006), ambos os dous volumes pertencentes á serie “Lendas de Galicia”.