Ensaísta, poeta e novelista
De pensamento lírico pero de produción ecléctica, Marga do Val caracterízase pola achega, pausada e teimuda, de textos académicos, de ensaios, de novelas ou de textos poéticos.
Marga Romero Lorenzo é o nome verdadeiro da escritora Marga do Val, aínda que este tamén é real: recolle o segundo apelido da súa nai, que é o apelido de súa avoa.
Nace en Vigo e da súa infancia mantén lembranzas vinculadas ao mundo rural, ao universo próximo á natureza. Asiste á escola en Torneiros e ao instituto en Porriño, atando as experiencias adolescentes a Tui. Desprázase a Santiago de Compostela a estudar Filoloxía Hispánica, na especialidade de Galego-portugués. Entre 1995 e o 2000 exerce como lectora de galego na Universidade de Tréveris, e tamén foi profesora na Universidade de Colonia. Tempo despois pasa a ser docente de Ensino Medio, onde continúa impartindo aulas de Lingua e Literatura Galegas. Con este traballo regresará, tras percorrer distintos aldeas e cidades, ao seu lugar natal.
Porén, a súa relación co mundo alemán esténdese a estancias e visitas a diversas cidades do país centroeuropeo, Sommerau, Laurenziberg, Jena, Dresden ou Weimar, por exemplo. Ademais, Marga do Val exerce de vicepresidenta da Asociación Galego-Alemá.
A autora colabora como crítica literaria e articulista en diversas publicacións: Grial, A Festa da Palabra Silenciada, Galicien-Magazim ou A nosa Terra son algunhas delas.
A traxectoria literaria de Marga do Val está influída pola súa carreira laboral, e así, publica en 1992 unha guía de lectura con fins didácticos sobre Os Camiños da Vida de Ramón Otero Pedrayo. Dous anos despois, sae á luz unha recolleita de conversas que a autora mantén con Rafael Dieste, baixo o título Entrevistas con R. Dieste (compilación, notas e versión ao galego). Segundo o escritor, é moi posible percibir as súas experiencias e visións do mundo a través das palabras pronunciadas e das palabras omitidas. A partir deste libro, realízase Dieste na aula, presentación didáctica sobre o escritor galego publicada en 1995 co obxectivo de empregalo no ámbito académico, cos rapaces.
En 1997 achégase á narrativa con O prognóstico da lúa, na que a autora que recoñece o seu andar errante fala de viaxes, de apostas e de decepcións. En 2000 escribe Entre Dunas con Paula de Lemos, diálogo poético entre dous “eus” de muller. Pero en 2001 sae á luz unha obra que será amplamente recoñecida, trátase do ensaio Carolina Otero, co que recupera o corpo e a memoria dunha compañeira, co que lle permite dar a voz a unha muller negada.
Porén, en 2002 continúa o seu periplo con narrativa e aparece a novela Sarabia.
Marga do Val participa constantemente en proxectos colectivos e de compromiso. Así é o caso de Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003), a propósito do acontecido co Prestige, ou de Xela Arias, quedas en nós (2004), dedicado á escritora galega prematuramente desaparecida. Tamén é o caso da Homenaxe a Ánxel Casal (2005) ou dos Poemas pola memoria (1936-2006). En colaboración con outras escritoras galegas, como Marilar Aleixandre, Marica Campo, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Marta Dacosta, Lupe Gómez, Margarita Ledo, María do Cebreiro, Chus Pato, Ana Romaní ou Helena Villar Janeiro, participa en Polifonías: voces poéticas contra a violencia de xénero (2006). Por outra banda, tamén ten participado en proxectos transversais entre os que salientan as Maregrafías. Fotografíes i poesies del mar feitas por Anxo Cabada, quen lles propuxo a algúns poetas, entre eles Marga do Val, falar do mar experimentado polos galegos.
Así mesmo, asistiu a diversos seminarios e tertulias. Por exemplo, a biografía que realizou para A Nosa Terra sobre Lorenzo Varela levouna a falar sobre literatura e exilio.