Poeta
Xoán Manuel Pintos encádrase na primeira xeración provincialista dos Precursores. Foi unha das figuras máis destacadas deste grupo polo seu uso case exclusivo da lingua galega. O primeiro libro de referencia do Rexurdimento, A gaita gallega, leva a súa sinatura.
Xoán Manuel Pintos nace en Pontevedra en 1811 no seo dunha familia de clase media burguesa. Posteriormente vivirá en Ferrol, na Coruña -cidade na que comeza a estudar Humanidades- e Santiago de Compostela, onde cursa Filosofía, música e violín. Culminará ademais a carreira de Dereito (1835) para pasar a impartir durante un ano a materia de Institucións Canónicas na Universidade. A partir de 1837 desempeñou diversos empregos relacionados coa avogacía. En 1862 pasa a exercer como Rexistrador da Propiedade en Vigo, cargo que ocupará ata a súa morte en 1876.
Pintos pertence ao grupo dos Precursores, e dentro deles á primeira xeración provincialista que inicia a súa obra en galego arredor de 1845. Está considerado a figura máis representativa deste colectivo polo uso case exclusivo do monolingüismo galego -feito abraiante na súa época- e por ser o autor do primeiro libro importante do Rexurdimento: A gaita gallega tocada polo gaiteiro ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e aínda máis. Esta obra trilingüe, en latín, castelán e galego, tiña a finalidade de achegarlle o noso idioma aos lectores. Foi publicada por fascículos ao longo do ano 1853. Canda ela viu a luz un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero, para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaiteiro.
Xunto á devandita obra, Xoan Manuel Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas que aparecerían publicados en diversos xornais da época. De entre eles, cómpre salientar as tres églogas: Antonio e Margarida (1857), Xacinto e Catriña (1858) e Delores e Alexandre (1858). Gardan tamén especial interese o longo poema narrativo Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea (1858), varias composicións costumistas como os Consellos da tía Fuca á súa sobriña (1858), o poema lírico O reiseñor (1858) e un agromo de epopea de máis de seiscentos versos que titula A Galicia (1861).