Debuxante, ilustrador e autor de banda deseñada
Miguelanxo Prado é o noso debuxante, ilustrador e autor de cómic que conta cun meirande recoñecemento, tamén internacional. O seu traballo abrangue diferentes campos gráficos e creativos: debuxo, ilustración, animación ou cómic. Trazo de xiz (1990) ou a súa colaboración co guionista de Sandman, Neil Gaiman, no libro colectivo Noites eternas (2003) son dous dos seus traballos máis recoñecidos.
Miguelanxo Prado comezou na pintura e a finais dos setenta iniciou a súa andaina no cómic sendo alumno da Escola de Arquitectura da Coruña. Participou en 1979 na fundación do fanzine Xofre, a canda Xan López Domínguez e Fran Jaraba.
Durante a súa estancia en Barcelona publica as súas primeiras historietas curtas no fanzine Zero e na revista Cómix Internacional. En 1884 ve a luz o seu primeiro álbum en solitario Fragmentos da Enciclopedia Délfica, ao que lle segue Stratos. En ambos os dous atopamos un autor preocupado polo seu contorno social e con capacidade para suscitar a reflexión.
Para a revista El Jueves realizou a serie Quotidiania Delirante ao longo de varios anos. Será en 1990 cando publique o seu álbum máis recoñecido, Trazo de xiz, co que obtén repercusión internacional e unha longa lista de premios a nivel internacional, entre os que destacan o Alph Art en Angoulême 1994 e o de mellor obra no Saló del Còmic de Barcelona 1994. Nel atopamos a historia dun viaxeiro que chega, logo dunha tormenta, a unha illa pequena no Atlántico que non vén nos mapas.
Con guións alleos puxo as ilustracións de Pedro e o lobo, adaptación do conto popular do ruso Sergei Prokofiev, ou a serie O manancial da noite.
Outro dos labores polo que obtivo meirande recoñecemento é a animación, e así foi o creador do Xabarín para a serie da Televisión de Galicia e de todos os personaxes da serie Os vixilantes do Camiño. En 1998 foi requirido pola factoría americana Dreamworks para deseñar os personaxes da serie de animación Men in Black. Comezou tamén nese ano a dirixir a revista sobre banda deseñada Elipse, editada pola Consellería de Cultura e da que só saíu un número, e tamén dirixe desde 1998 o salón que se desenvolve na Coruña, "Viñetas desde o Atlántico".
En 2003 viu a luz a súa colaboración co famoso guionista de Sandman, Neil Gaiman, no libro colectivo Noites eternas formado por un feixe de historias curtas debuxadas por varios autores entre os que se atopan Milo Manara, Frank Quitely ou Bill Sienkiewicz.
Entre os seus traballos máis recentes figura o álbum A casa dos Pampín xunto con Víctor Galdón onde en clave humorística se trata a cuestión do caos urbanístico ou, xa en publicacións colectivas en H2Oil, do Colectivo Chapapote, composto por mor da catástrofe ecolóxica xerada polo Prestige, ou no primeiro número da revista Retranca que, tamén arredor do tema do feísmo arquitectónico, viu a luz recentemente da man de Kiko da Silva.
En xaneiro de 2007 presentouse nas salas cinematográficas o filme que dirixiu, De profundis, unha historia de mares, cetáceos e treboadas que, con música do compositor Nani García, foi proposta para os premios Goya como mellor longametraxe de animación de 2006.