Autores

Carmen Blanco García

1954, Lugo

Ensaísta, narradora

Carmen Blanco adícase a afondar nas relacións entre poder, xénero e cultura, nomeadamente, literatura. Analiza estes vencellos dende a óptica do feminismo independentista, no que empezou a militar nos 70. A reivindicación da muller como creadora no universo artístico é unha das súas preocupacións, intelectuais e sociais máis salientábel.

Licenciada en Filoloxía Románica, é profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo. Pero a súa experiencia docente esténdese á Lingua Española no ensino medio e á Lingua e Literatura Galega no ensino primario e medio.

Coordina, xunto co poeta Claudio Rodríguez Fer, a publicación libertaria Unión libre. Cadernos de vida e culturas, onde dirixiu o monográfico “Mulleres escritoras”. De feito, o seu labor literario non se restrinxe aos traballos individuais: Carmen Blanco participa en libros colectivos, publicando, ademais, artigos en revistas e diarios, e elaborando prólogos e epílogos a edicións e reedicións de obras galegas.

Comeza publicando en Grial, en 1978, "Ensaios marxistas, por Felipe Martínez Marzoa" e "A muller en Galicia, por María Xosé Queizán". Ademais, colabora coa publicación lisboeta Colòquio/Letras, con artigos coma "Xosé Luis Méndez Ferrín, Crónica de nós” (1981), "Novoneyra, Os eidos", (1982) ou "Rosalía de Castro: a estranxeira na súa patria” (1995). Do mesmo xeito, participa con textos de creación nos Cahiers galiciens (2001), editados en Rennes. Pero antes destaca a súa presenza na Festa da palabra silenciada. As achegas orbitan case sempre entre a literatura (galega) e a muller. Así, temos "O ensaio feminista galego” (1983) ou aproximacións á figura de Xohana Torres, á figura de María Mariño ou á de Pura Vázquez. Así mesmo, prologa obras poéticas, entre as que destaca Memoria solar (2004), a antoloxía de Luz Pozo Garza. Pero o seu labor de investigación sobre a literatura galega, concretamente no ámbito da poesía, non se restrinxe a autoras xa consolidadas. Tamén realiza incursións na obra de poetas coetáneas: "Poesía feminina última: Xela Arias, Ana Romaní, Pilar Cibreiro" (1988) ou "A teta sobre o sol: o explosivo vitalismo de Olga Novo" (1997) son algúns exemplos.

Baixo o pseudónimo de Emma Luaces, en homenaxe á anarquista Emma Goldman, ofrece os textos de creación “Leona”, “Ven loba” (1986) e “A ti, lobo” (1987) editados os tres, novamente, na Festa da palabra silenciada, no 2001. En calquera caso, os artigos de Carmen Blanco achegados nas últimas décadas son dificilmente enumerábeis. De feito, outras publicacións que contaron coa súa comprometida aprehensión da realidade foron Arco da Vella. Pensamento libertario galego, A Nosa Terra, Luzes de Galiza, Andaina, Animal, Reflexións filosóficas, Dorna, Ólisbos, Tempos Novos ou Amastra-n-gallar, entre outras.

Porén, a súa investigación sobre a muller como autora na literatura galega inclúe traballos máis globais: especialmente rigorosos son Literatura galega da muller (1991), Escritoras galegas (1992) e Libros de mulleres (Por unha bibliografía de escritoras en lingua galega: 1863-1992), do 94. Un ano despois aparecen tres novas achegas do seu pensamento: O contradiscurso das mulleres. Historia do proceso feminista, ademais de Nais, damas, prostitutas e feirantas e de Mulleres e independencia. Máis recentemente publica Alba de mulleres (2003) e Sexo e lugar (2006), no que se evidencia o sistema literario facendo presentes as nocións de periferia e minoría. Neste 2007, Carmen Blanco reincide na figura de María Mariño, con motivo de dedicárselle o Día das Letras Galegas á escritora, e publica María Mariño: vida e obra.

Pero a autora tamén abarca a literatura galega, en xeral, e ademais dalgúns artigos sobre Valente, tamén hai que destacar a obra do 89 Conversas con Carballo Calero e a do 91 Carballo Calero: política e cultura.

No ano 2004 entra na narrativa con Vermella con lobos, libro co que recrea os contos tradicionais, desterrando do imaxinario popular a perspectiva patriarcal. E á poesía acércase con Estraña estranxeira /Extranjera en su patria, poemario de edición bilingüe.

Ademais, cultiva a creación plástica, deseñando e ilustrando obras poéticas como Tigres de ternura, Historia da lúa ou A muller núa.

Medios estritamente xornalísticos (La Voz de Galicia, El Progreso, ou El Correo Gallego) tamén lle serven de soporte para cuestionar a realidade dada, estipulada, e comprometerse coa realidade ignorada, silenciada.


Imprimir



Libros de Carmen Blanco

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |