Sotelo Blanco Edicións
Nos seus inicios -de 1980 en diante- desenvolve un labor de recuperación da cultura galega coa edición de facsímiles, de poesía e teatro (coleccións Leliadoura e A Biblioteca do Arlequín) e de material didáctico. Nos anos posteriores a narrativa eríxese na liña editorial central de Sotelo Blanco, primeiro con obra galega (incluíndo varios premios Blanco Amor) e logo acollendo traducións de autores estranxeiros. En 1990 comeza a andaina no campo infantil e xuvenil, e tamén se ocupará da publicación das obras galardoadas cos premios de ensaio e de creación literaria: o Vicente Risco de ciencias sociais, o Lueiro Rey de novela curta e mais o Risco de literatura fantástica. Na actualidade, Sotelo Blanco segue a desenvolver a súa actividade arredor dos eixos xa mencionados: a narrativa, as coleccións de LIX, o ensaio (colección Estudos e Investigacións), o libro didáctico de apoio ao profesorado e mais o libro de texto.
Imprimir