Segundo os vellos costumes celtas e seguramente tamén os castrexos, o ano pártese en dúas estacións: verán e inverno. Non reparan en máis matices. E o paso dunha estación a outra dáse exactamente na noite que vai do último día de outono ao primeiro día de Santos. A noite de Samaín. Claro que, se fose só isto o que os costumes celtas ou castrexos ordenasen facer, a cousa non pasaría dun cambio de aires. Non, a noite de Samaín, ademais de separar o ano, confunde o mundo do máis alá co noso mundo terreal. E iso si xa é outra historia. Precisamente a historia que viven neste novo libro os coñecidos habitantes do castro de Baroña: os Barbanzóns. O terror apodérase dos protagonistas e vai subindo de tono segundo son visitados polas distintas pantasmas da tradición: Orcabella, a Estadea e mesmo a máis terríbel das fadas irlandesas.