Cousas é, se non a obra máis representativa de Castelao, si aquela que concitou un maior respaldo dos lectores e tamén a máis importante das súas producións de narrativa breve. Publicada por primeira vez na prensa, compilada parcialmente en 1926 e editada tal como a coñecemos en 1934,
Cousas pertence polo tanto á literatura popular e experimentalista dos tempos de antes da Guerra, se ben coñeceu sucesivas reedicións na Galicia da ditadura e da transición, onde foi lido como un sinal tanto de crítica política como de literatura apta para todos os públicos.
Cousas está formada por 44 historias breves, en moitos casos de apenas unha páxina, e mais dunha un pouco máis longa, que funciona a xeito de prólogo, e que é formal e tematicamente moi distinta do resto. Todas as pezas agás esta primeira comezan cunha pequena ilustración, debuxada polo propio Castelao, que acompaña o contido textual: a diferencia da súa serie de
Cousas da vida e doutros álbumes de debuxos, neste caso é o texto quen conta a historia e a ilustración funciona unicamente de complemento focalizador, pero non imprescindíbel. Os debuxos, a unha soa tinta, recollen estampas que van dende o debuxo simple e vangardista de seis trazos do "neno de manteiga" ao expresionismo máis escuro da "eirexa da montaña", cunha caveira inzada de sombras e formas retortas.
As narracións relatan frecuentemente pequenas historias de carácter biográfico e onde o narrador xeral se coloca como punto de ancoraxe coa realidade. Por elas van pasando vellos, enfermos, tolos, caciques e outros personaxes típicos da sociedade de entre-dous-séculos, que son albo da ironía, a parodia e, sobre todo, a compaixón. Estas estampas, cargadas de crítica política e social, son agudos retratos da cobiza, o medo, a angustia ou o orgullo das clases populares, e tocan adoito o tema da fame (a Marquesiña), a tolemia (a tola do monte), a morriña (o preto Panchito) ou o fracaso (o pai de Migueliño), relatos todos que forman parte xa do acervo colectivo dos galegos e galegas. Non se diferencia demasiado, polo tanto, da serie de ilustración das 'Cousas da vida' dende o punto de vista dos contidos, pero si o fai na complexidade narrativa, con abondosos saltos temporais, e no estilo, que se volve máis elaborado, lírico e rítmico .
O texto que abre o volume é o único que ten título, 'A carón da natureza', e tamén o único que non inclúe unha estampa gráfica asociada. É un verdadeiro manifesto artístico dos obxectivos de Castelao como escritor, dividido en sete parágrafos como acuarelas, onde repara en que "na paisaxe hai máis cousas que fitar", que non lle abondan as artes do pincel ou do lapis para captar todos os matices que perde, e onde tamén argumenta sobre o espírito do popular: "Un día de Nadal [...] decateime de que hai máis fermosura nas froliñas dos campos que nas froles de xardín [...] Dende entón eu quixen ser un ventureiro das letras". E esporadicamente, en distintos xéneros, foino.