Libros

Corredores de sombra

Outros libros

Autores relacionados:


Corredores de sombra

Agustín Fernández Paz, escritor
5/5 (4 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 0

ISBN: 978-84-9782-425-5

Corredores de sombra non é a máis lida, nin a máis traducida nin a máis estudada das obras do prolífico mestre e escritor Agustín Fernández Paz. Pero si é a primeira das novelas galegas que aborda a temática da guerra civil e da represión da posguerra para un público xuvenil.

Agustín Fernández Paz é, con toda seguridade, o escritor de literatura infantil e xuvenil máis lido de Galicia. Títulos seus, como Trece anos de Branca, Amor dos quince anos, Marilyn, Cartas de inverno ou As flores radioactivas, áchanse entre os máis reeditados, e o seu nome é unha referencia para todos os galegos e galegas de menos de 30 anos, para os que escribiu historias de diversos xéneros e fundamentalmente de aventuras. En 2006 publicou Corredores de sombra, que continúa moitas das liñas abertas na súa traxectoria anterior (personaxes mozos, dilemas morais, loita entre o ben e o mal, aventura e misterio...) pero coa novidade de presentar como pano de fondo a temática da guerra civil.

A novela estrutúrase en 24 capítulos que responden a unha liñalidade narrativa practicamente total: sen máis saltos no tempo cós que ditan as narracións e lembranzas dos personaxes, a acción desenvólvese durante o verán de 1995. Quen narra a historia é Clara Soutelo, situada dez anos despois, cando algúns dos misterios da novela xa foron resoltos. Clara, a protagonista, tiña daquela dezaseis anos, escribía un diario e pasaba os veráns no pazo familiar. A partir dunhas obras de reforma na mansión, onde se descobre un esquelete emparedado, nace unha historia de pescuda na memoria e nos feitos históricos dunha pequena comunidade rural, Vilarelle.

Esta reflexión sobre a guerra civil e a represión subseguinte escribiuse no marco do Ano da Memoria e cando a rehabilitación dos republicanos apareceu de novo na discusión social e política de Galicia, 70 anos despois do golpe de estado de Franco. Nos Corredores de sombra, a fractura social da Guerra permanece logo de todo este tempo, simbolizada na oposición entre a familia rica, os Soutelo, e algunhas persoas vencelladas ás clases populares e o republicanismo, coma Miguel, o mozo de quen Clara rematará namorada. Pero é unha fractura que se resolve precisamente coas pontes que trazan tanto Clara e o seu tío Carlos coma Miguel, pontes que se constrúen sobre a memoria e o coñecemento dos feitos, e non sobre o río do esquenzo que defende o pai de Clara e cabeza dos Soutelo.

O debate trascende para alén do político e do histórico. A revisión das trabes familiares, onde non todo é como parece (o pai agocha un crime, a avoa estaba namorada doutro home, etc.), permítelle á moza protagonista medrar en carácter e ao mesmo tempo desenvolver o misterio da trama: quen é o esquelete aparecido e quen o matou. Así pois, a historia, contada dende a perspectiva da rapaza xa adulta, e sinalada polos fitos das páxinas do seu diario adolescente, dálle á novela tamén unha fasquía de narrativa de aprendizaxe, onde a difícil relación amorosa de Clara e Miguel completa a trama argumental.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |