
Narrativa, Faktoría K, 2007
ISBN: 978-84-96957-14-5
Crocodilo e Xirafa namoráronse, construíron unha casa para os dous e emprenderon unha vida en común, que lamentablemente topou coa incomprensión dos seus respectivos semellantes.
Senllas visitas ao Barrio Crocodileiro e ao Barrio Xirafeiro deixáronlles unha desagradable impresión de como os demais valoraban a súa relación. Esta peculiar e entrañable parella padecía as miradas, as burlas e os murmurios dos seus veciños, grandes e pequenos.
E malia todo, sen importarlles as críticas alleas, os protagonistas non o pensaron dúas veces cando un repentino contratempo puxo en perigo unha familia. A altura de Xirafa e a habilidade de Crocodilo salvaron vidas e demostraron que a cooperación e a solidariedade son os alicerces da boa convivencia, por riba de calquera diferenza.
Un libro que, ademais de valores, tamén destila bo humor, tanto no que respecta ás ilustracións, como ao texto, con simpáticos xiros lingüísticos: o “xiradrilo-móbil” no que se desprazan Crocodilo e Xirafa é un bo exemplo de fusión entre especies
[presentación editorial]