O velorio é unha das pezas máis representativas do teatro galego da transición política e enmárcase no contexto das producións do grupo Abrente, conxunto de autores nucleados ao redor da feira de teatro Abrente de Ribadavia. O seu autor, Francisco Taxes, non é o máis coñecido ao pé dos nomes de Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo ou Euloxio Ruibal, pero esta peza reúne exemplarmente as características estéticas do momento, malia ser a primeira do seu creador.
O velorio foi escrito en 1971, catro anos do falecemento do xeneral Franco, pero non se estreou ata 1977, cando xa se iniciaran os vieiros da democratización. A estrea, da man da compañía Troula, resultou ser un éxito de crítica e público, sinal de que o que contaba e, particularmente, como o contaba, conectaba plenamente co público do tempo. Porén, a súa publicación como texto teatral é moito máis serodia, de 2002, no que vén sendo unha constante dos textos teatrais contemporáneos: as dificultades editoriais para a distribución dos textos teatrais levan a que se publiquen menos dos que se representan, e moitos menos aínda dos que se escriben.
A obra, de extensión moi breve, divídese en tres cadros que marcan pequenos saltos temporais, e vintecinco escenas. A historia desenvólvese nun único espazo (unha casa de dobre andar onde se está velando un cadáver) e ao longo dunha soa noite, a do velorio do cadáver do labrego rico da aldea. No andar de arriba está situado o cadaleito, co home dentro: o dono da casa e propietario das terras e das rendas dos traballadores da contorna. Vélano o fillo e a nora, que herdarían a súa propiedade, e un grupiño de carpideiras, máis interesadas no café con augardente do que na salvación das almas. No andar de baixo están os criados e os labregos amigos destes, que veñen ao velorio tamén pola augardente, e fóra, sen acudir ao velorio nin pasar por escena, a demais xente da aldea, nunha actitude de rexeitamento cara ao defunto e á súa familia. Durante o velorio, a crispación dos 'de abaixo' aumenta consonte medra a bebedeira, ata que todo remata traxicamente dunha forma cruel e catártica.
A peza ten todos os trazos propios do tempo: un expresionismo irónico e descarnado que leva a presentar en escena accións realmente transgresoras e desagradábeis; a ruptura da convención da cuarta parede (cando os criados e os labregos lle ofrecen a botella de caña ao público convidándoo a que participe na acción) na liña da dramaturxia brechtiana; a crítica social construída moitas veces sobre situacións políticas e económicas cruciais na Galicia do tempo, como neste caso a propiedade das terras nos réximes de caseiros, tema tocado por Taxes tamén en Lenta raigame (1979, publicada en 1982); e fundamentalmente un simbolismo de carácter existencial: a presenza desacougante dos cans e dos corvos como criaturas aventadoras, non só da morte, senón da catarse final, son marcas de auga da escrita teatral da época.