
Teatro, Edicións Positivas, 1998
ISBN: 84-87783-50-3
Vidal Bolaño foi un dos tres principais dramaturgos da promoción Abrente, nucleada ao redor do Mostra de Teatro de Ribadavia dos anos setenta. Escribiron obras de distinto perfil que compartían o interese social e un claro simbolismo do discurso e das formas. Porén, todos eles (Euloxio Ruibal, Manuel Lourenzo e o propio Vidal Bolaño) seguiron a partir dese momento traxectorias diverxentes, e Vidal Bolaño optou sen dúbida pola máis realista e accesíbel a todos os públicos, moito máis relacionada co traballo das novas xeracións de autores teatrais.
Rastros xunta na sala de estar de Esther a catro vellos amigos que reflexionan sobre o estado das súas vidas. O espazo é convencionalmente imposible: permite o encontro de distintas épocas (os flashbacks son frecuentes, sen apenas ningunha transición que marque a ruptura temporal) e dos personaxes que, en realidade, non se poden xuntar: Moncho e Xan viven cadansúa carreira como escritor de sona e comercial de vendas respectivamente, Iago é un preso independentista aínda no cárcere a centos de quilómetros, e Esther, a dona do piso e personaxe central, está no hospital logo de tentar o suicidio cortando as veas. Autodenominada "desgraza en catro tempos e unha presada de recordos", o terceiro dos tempos representa o 95% da obra, mentres que o segundo é a escena do intento de suicidio de Esther e o primeiro e cuarto, iguais entre si, son un pequeno diálogo dos personaxes cando nenos.
O tema é, previsiblemente, o fracaso persoal. O fracaso do amor, posto que todos os tres tiveron dolorosas e frustradas relacións sentimentais con Esther, o fracaso social e de expectativas no caso de Moncho e Xan, e o fracaso político, no caso de Iago, implicado na loita terrorista. A partir dunha liña narrativa que vai cara adiante e cara atrás entre o presente e os recordos de diversas épocas, imos coñecendo pouco a pouco os vencellos que atan estes catro amigos de infancia, os seus desexos, erros e arrepentimentos. A presenza dos temas de actualidade (terrorismo, política, drogas...), o humor sarcástico, a linguaxe clara e coloquial, uns diálogos vivísimos e directos ou o gusto polo cinema americano son algunhas das características estilísticas das últimas producións de Vidal Bolaño, que en Rastros están plenamente presentes. A escritura é trazada cunha gran teatralidade e con austeridade de recursos, pensando en todo momento na súa representación, que colleitaría finalmente un éxito de crítica.