Libros

Nao senlleira

Outros libros

Autores relacionados:


Nao senlleira

Fermín Bouza Brey, escritor
1,5/5 (2 votos)

Poesía, Nós, 1933

ISBN: 978-84-7507-638-6

1992, Edición Xerais (esgotada); AS-PG, 1997

Nao senlleira viu a luz na editora compostelá Nós, principal canle para a literatura da inmediata preguerra e é, xunto coa Cantiga nova que se chama riveira de Álvaro Cunqueiro, a obra adoito sinalada como iniciadora do movemento poético denominado neotrobadorismo, co precedente dun poema de Johán Vicente Viqueira. Neste momento florecente que supuxo a Época Nós para a cultura galega, estase a estudar e a divulgar a tradición medieval, nomeadamente a partir da edición de Joaquin Nunes das cantigas de amigo e de amor. A pretensión do movemento era a un tempo ofrecer unha visión renovada da lírica medieval e achegar para o presente un nivel de esplendor descoñecido desde daquela.

O libro saíu á luz como tal en 1933, como primeiro poemario do autor, pero varias das súas composicións xa foran incluídas en publicacións periódicas, entre eles unha ducia de poemas publicados na revista Nós, e iniciaran a devandita liña estética.

O mar e a soidade, presentes nos versos de Mendinho que abren o libro, son dous dos motivos recorrentes da obra de Bouza. A natureza é entendida como orixe e reivindícase a terra como comunidade nacional, o cal se realiza no neotrobadorismo por medio da súa celebración e, ao modo medieval, de colocala como fondo. O simbolismo arredor da paisaxe mariña, ao que se achegou Ramiro Fonte nun monográfico, estabelece vínculos co Manuel Antonio de De catro a catro, con quen comparte promoción literaria, aínda que non liñas estéticas nin presupostos poéticos. Esta preeminente importancia do símbolo liga tamén a obra coa escrita de Amado Carballo así como co postsimbolismo que presente na poética de Mallarmé.

O símbolo da nao, que apunta cara ao corpo como vehículo da existencia, é o eixo ao redor do cal se artella o poemario, marcado tamén pola singularidade e pola soidade inherentes a ela, non pola vía do confesional e si cunha certa estilización do verso.

Bouza era posuidor dunha salientábel erudición literaria e dun coñecemento fondo do mundo medieval, ao ser especialista en arqueoloxía e isto debeu marcar a súa concepción do texto poético como exercicio de procura da beleza. Así, salienta o oficio versificador, a riqueza fónica e a as escollas léxicas, nunha obra que inclúe o verso libre xunto con metros cultos e populares.

Foi a corrente poética que Nao senlleira inaugura unha das xuntaron máis entusiasmo, seguramente por representar unha terceira vía, entendida como a medio camiño entre a tradición e a renovación. Os poemas que se colocan adoito como paradigmáticos do que foi a reformulación creativa da tradición lírica medieval, nomeadamente a cantiga de amigo, son “Lelias ao teu olvido” e “Tríadas no mar e na noite” .

Escola paisaxística e neotrobadorismo serán os dous referentes fundamentais da poética galega na inmediata posguerra, ponte daquela entre a poesía da vangarda e os poemarios xa escritos nun tempo en que este tipo de discurso era asumíbel por resultar inocuo ou non atentar contra a “longa noite”.

Desde uns presupostos conceptuais e estéticos diferentes, detéctanse pegadas dunha tradición que o Bouza Brey de Nao senlleira contribuíu a iniciar e abandonou axiña en autores de hogano como Darío Xohán Cabana ou Xosé María Álvarez Cáccamo.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |