Libros

Contos en cantos

Autores relacionados:


Contos en cantos

Almudena Janeiro, coordinadora
1/5 (1 votos)

Outros, OQO Editora, 2008

ISBN: 978-84-9871-047-2

Percorrer o mundo contando e cantado bossa nova cunha hipopótama presumida e sirtaki cuns velliños que un día se queren moito e outro non paran de discutir. Mentres, o tango permite bailar ben pretiño a un elefante gris con lunares morados e unha formiga negra con cintura de avespa. En total, unha restra de melodías para trece contos que conforman a escolma realizada entre os relatos publicados por OQO Editora de distintas culturas do planeta, nas que é imposíbel non afondar guiados pola rica e saltareira voz de Amudena Janeiro.

Este libro-cd-dvd é un diálogo a tres bandas entre as artes plásticas, a música e a literatura, partindo dunha selección de contos de distintas culturas, tanto de creación como tradicionais, e a través de diferentes estilos musicais como a popular portuguesa, bossa nova (Brasil), sirtaki (Grecia), tango (Arxentina), rock & roll, soul, gospel ou cantos africanos. Deste xeito, créase por primeira vez un fondo musical galego que pretende achegar os máis pequenos a outras culturas a través da nosa, valorando e compartindo un patrimonio musical diverso como fonte de enriquecemento e gozo.

Ademais do CD e o soporte libro (con imaxes dos contos de orixe e as letras das cancións), música, literatura e artes plásticas relaciónanse nun material visual e sonoro (karaoke) que abre un campo de traballo a nivel lingüístico musical e emocional.
Os 13 temas que presenta o cd ofrecen amplas posibilidades para facer xogos, dramatizacións ou danzas simples para nenos con idades de Infantil e Primaria.
As cancións están interpretadas pola voz solista de Almudena Janeiro, acompañada por guitarras, percusión, frauta, tambores, congas e outros instrumentos máis accesíbeis como cascabeis, claves, pau de choiva, chocas... axustándose no ritmo á procedencia das historias. Os distintos graos de dificultade favorecen a atención a discriminación auditiva e a memoria en diferentes idades.

[fonte: presentación editorial]


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |