Libros

Poesía completa I

Outros libros

Autores relacionados:


Poesía completa I

Lorenzo Varela, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, Ediciós Do Castro, 2000

ISBN: 84-7492-989-X

En edición bilingüe ao coidado de Xosé Luís Axeitos viu a luz no ano 2000 o primeiro volume da obra poética completa de Lorenzo Varela, composto por seis partes: Torres de amor, Catro poemas pra catro grabados, Lonxe, Homenaje a picasso, Poemas sueltos e Poemas inéditos.

A poética de Lorenzo Varela contén a influencia da xeración do 27 española e trata de estabelecer unha compatibilidade entre dúas constantes da súa vida, o interese pola creación literaria e pola arte e un posicionamento de denuncia política que implica a solidariedade coas clases oprimidas. Nesta liña socialrrealista realiza unha aproximación a motivos como a dominación política ou a ausencia da terra.

Na meirande parte da súa produción sobrancea un sentido histórico, mítico, lendario e nalgunha medida revolucionario, ao aplicalo ao presente e estabelecer unha perspectiva en moitos casos optimista dun labor teimoso.

Iniciárase a obra poética de Lorenzo Varela con “Catro poemas pra catro grabados” textos que se inclúen no volume de Luís Seoane María Pita e tres retratos medievales (1944). Son estes catro poemas épicos unha ponte co discurso heroico de Pondal ou coa Rosalía civil e os que conteñen algúns dos seus versos máis citados, os do texto dedicado a Roi Xordo.

En Torres de amor (1942), que, coma a meirande parte da súa obra, ve a luz en Bos Aires, retoma a paisaxe de Lugo, o terror da guerra e a paisaxe do desarraigo imposto, con moldes de corte popular. Otero Pedrayo desde o silencio da posguerra identificou estes versos como “ergueitas testemuñas de verso dunha asulagada mocidade”.

No ano 54 publicará Lonxe, cun limiar de Arturo Cuadrado e con compromiso e ausencia como eixos. Abre co poema que lle dá título e continúa con entregas en que a memoria da posguerra e dos loitadores antifranquistas se lembra desde a distancia imposta, “Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados”. Outros camiñan na procura dun pasado mítico, entroncan co cruce entre a vangarda e o neopopularismo.

A partir de aí a súa obra será publicada logo de el morrer, algúns dos seus poemarios en 1979 cun limiar de Rafael Dieste e en 1990, co título de Poesía galega, ve a luz a meirande parte da súa obra poética en galego, así como varios textos que saíran en revistas. Os poemas soltos ou inéditos teñen como referente en moitas ocasións obras pictóricas, outro dos ámbitos de interese crítico de Varela, quen dedicou páxinas á súa análise, ou compoñen homenaxes ou reivindicacións para compañeiros na loita política.

Con anterioridade, o limitado das tiraxes e da distribución dos seus libros en Galicia minguara o significado da súa obra, e serán compilacións coma a que nos ocupa e, máis definitivamente, o feito de dedicárselle o Día das Letras en 2005, o que torne máis visíbel unha poética que ten na historia nacional, no pasado heroico de carácter revolucionario na solidariedade e na ausencia do exilio os seus nós fundamentais. Nas palabras de Fernando Salgado, que se achegou con vagar á súa creación e biografía, unha poética “ao nivel do home”.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |