
Poesía, Espiral Maior, 2001
ISBN: 84-95625-29-6
O poemario Ónfalos supuxo para Lois Diéguez o regreso á verea do verso logo de vinte anos dedicado ao cultivo da narrativa. O libro naceu dun acontecemento tráxico, a morte da súa irmá, e a dor da súa desaparición é o seu tema principal.
Lois Diéguez curtira unha breve pero intensa traxectoria poética nos tempos da transición. Poemarios como Albre de esperanza ou Cancións pra agromar branco e azul enmarcábanse nunha liña de poesía socialrealista, con fortes implicacións políticas e mesmo partidarias: era tamén o tempo dunha maior presenza política de Diéguez, que chegou a ser deputado nacionalista no Parlamento galego. Pero despois, se ben seguiu cultivando a narrativa, non retomou o vieiro da poesía ata que en 1999, nun accidente de coche, faleceu a súa irmá Carme.
Dous anos despois, en 2001, vía a luz este Ónfalos, dedicado á irmá, e que relata a aprendizaxe da dor logo da súa desaparición. Aí inclúense poemas sobre o accidente, como "19-11-1999" ou o primeiro, "Máquinas" ("Con cores brillantes de gadaña", "Oh mocidade de ouro / sacrificada baixo as rodas!"), pero particularmente poemas sobre a dor da falta (Branca chora desconsolada / e Paco meteuse na casa da tartaruga) e evocacións da vida pasada en común. Así, os poemas van percorrendo os lugares da infancia, a casa familiar en Monforte, as anécdotas das vacacións do verán na costa luguesa, e en xeral, un espazo mítico onde a felicidade aínda era posíbel ("Quería a nena de Liñares ver o mar"). Un espazo onde se recupera a presenza da falecida ("O espello do corredor / na penumbra íntima do espazo / e o teu reflexo en amado sol").
O libro está dividido en tres partes desiguais en tamaño, chamadas sucesivamente 'Ónfalos', 'Casa' e 'Ónfalos' de novo. As máis amplas son a primeira e a segunda, mentres que a última ten unha única composición. O primeiro 'Ónfalos' (do grego embigo, pero tamén o punto que consideraban o centro do mundo) recolle a "memoria cinematográfica do inmediato: o accidente, a ausencia", mentres que a segunda se corresponde coa "recordación procurada, coa viaxe ao pasado", na interpretación que a crítica Pilar García Negro realiza no prólogo. O último dos poemas é o "epitafio, o retorno á constatación do inexorábel. Todo mudou, mais a catarse é posíbel porque se incorporou a ferida da morte á propia vida" ("Non remprazará o oco / nin a catedral nin o menhir / nin o camiño").
Os poemas practican o verso libre, sen rima, e cun manifesto prosaísmo ("desde a xanela repetías: / 'é incríbel' / os ollos furados pola admiración / mentres eu lembraba as palabras / do Uxío: / 'saúda a neve aí'"), afastado iso si do socialrealismo que caracterizou a Lois Diéguez na poesía da súa primeira época. Os obxectos cotiáns, os espazos comúns, e os animais da casa ("can cabalo tartaruga") adquiren unha dimensión simbólica e mesmo metafísica que axudan a despegar da realidade máis inmediata e dolorosa.