
Poesía, Edicións Positivas, 1996
ISBN: 84-87783-33-3
Aínda que encadrado na xeración dos oitenta, Claudio Rodríguez Fer presenta unhas propostas estéticas que se afastan notabelmente das tendencias dominantes e configuran un programa poético senlleiro e orixinal. Extrema Europa irrompeu no panorama literario galego cun formato totalmente anovado e rupturista: un libro-caixa ou libro-sobre, que contén dípticos, despregábeis, postais, cartóns e un libro en miniatura, nos que se conxugan as palabras e as imaxes. Algúns dos poemas aquí compilados xa foran editados na serie poética A dama amada.
O erotismo impregna a maioría dos poemas de Extrema Europa. Rodríguez Fer mantén unha liña temática da que foi pioneiro na poesía galega. En Poemas de amor sen morte (1979) inaugura o cultivo da poesía erótica, que continuou en obras singulares como Tigres de ternura (1981) ou A boca violeta (1987). O contido erótico emerxe con forza dos versos da obra grazas á laboriosa escolla dun léxico acaído: “As billas dos teus bicos peteirados/ derramaron a berros os desexos/ das gatas que se ocultan nas túas ámboas:/ nevaba non teu cálice de lava”, “Vulva de ágata entre xaspes pulidos”, “a néboa do crepúsculo arrecendeu espida/ cada vez que anegou as túas illargas”. O amor, fortemente imbricado co erotismo, é outra das claves temáticas de Extrema Europa: “e amabas coa paixón das túas rosas máis húmidas”, “porque amar só se explica en desmesura”. Aposta tamén pola compoñente lúdica nas manifestacións amorosas: “prefiro a túa cadeira á miña cátedra” ou “prefírote cun laúde ao meu cum laude”. Agroma, en fin, dos versos de Extrema Europa un amor subversivo e libertario, que enaltece a dimensión erótica, carnal e, tamén, transcendente. O centro deste universo amoroso ocúpao a muller.
O vitalismo latexante en todo o poemario faise especialmente notábel no poema “O mundo nas mans”: “Todo é teu si pois tes a vida/ e o ordenador dos soños no teu corazón […] Lembra que si existes todo existe”.
A cidade de Lugo, destinataria principal da obra Lugo blues (1987), asoma sutilmente no poema “Born en Lugo”, brevísima autobiografía bilingüe do poeta. Pero a súa presenza será máis notoria en “Lugo Baikal” e “Explanada da estación”: “o troupeleo dos trens/ foi o meu primeiro arrolo/ e a escalinata o patio/ onde xoguei de neno”. A carón da cidade da muralla, aparecen Leningrado, Berlín ou Zurich, acenos cosmopolitas.
Rodríguez Fer coida extremadamente o plano fónico, a escolla axeitada dos sons favorece a musicalidade e amplía a significación dos seus versos: “labio de lábil lago a dama amada”, “que rebenta en rompente roibén de millo rei”. Ao fonosimbolismo é obrigado engadir o culturalismo e a experimentación, outras das notas dominantes de Extrema Europa. Os textos van acompañados das ilustracións de Sara Lamas, que reforzan o contido erótico e vitalista da obra.
A ausencia de lindes, o diálogo con outras formas de expresión, a poesía visual, o eclecticismo, a experimentación e o erotismo unidos á habilidade creadora de Claudio Rodríguez Fer dan como resultado Extrema Europa, unha obra para ler, observar, apalpar e gozar.