Libros


Na praia dos lagartos

Helena Villar, escritor
1/5 (1 votos)

Poesía, Ediciós Do Castro, 2004

ISBN: 84-8485-146-X

De maneira individual e acompañada do seu home Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro cultiva a poesía, narrativa e o ensaio. Ademais, a prolífica escritora ocupa un lugar de relevancia no eido da literatura infantil galega á que ten dado moitos títulos, pódese citar O día que choveu de noite (1985) ou Contos do paxaro azul (1994), no ámbito da narrativa, e A campá da lúa (1999) ou Belidadona (2002), no terreo da poesía. A este último e pouco transitado eido da poesía infantil súmase Na praia dos lagartos, obra poética galardoada co Premio Arume 2003 de poesía para nenos na súa segunda edición. O poemario Lúa de pan (2002) de Xosé María Álvarez Cáccamo obtivo o premio na primeira edición do certame, que está patrocinado pola Fundación Xosé Neira Vilas.

A natureza é a protagonista de Na praia dos lagartos. Múltiples e variadas plantas, árbores e animais desfilan paseniño polos versos do poemario: carballos, castiñeiros, érbedos, nogueiras, ameneiros, toxos, carqueixas, amapoulas, rosas, xabarís, raposos, donicelas, esquíos, ourizos, morcegos ou troitas habitan este particular parque natural que constitúe “a praia dos lagartos”, espazo que funciona como nexo de unión de todos os poemas. A carón desa flora e fauna particular, a praia, o sol, a lúa, a xeada, a neve ou os trebóns completan o cadro paisaxístico. A poeta escolle na flora e na fauna aqueles elementos con maior presenza, ás veces non toda a desexada, na paisaxe galega. Con estes especiais personaxes, Villar Janeiro crea un mundo fantástico no que as abellas falan, o cuco toca a frauta, as urces pelexan coas carqueixas, os lagartos visten sombreiro, o arañón coñece trucos informáticos ou a neve e a xeada abren unha tenda de lambetadas. Deste xeito, a poeta esvaece as lindes entre a realidade e a ficción na procura dun universo marabilloso.

Se é loábel a escolla dun tema tan acaído para o mundo infantil, non o é menos a tenrura e a sinxeleza coas que se trata. Quizais tras os versos se ache tamén a evocación dalgún espazo da infancia. Ademais, a poesía de Helena Villar Janeiro case nunca prescinde da presenza da natureza, ás veces diluída nun segundo plano como pano de fondo, pero sempre respectada. Latexa tamén Na praia dos lagartos a reivindicación ecolóxica.

Á brillante escolla léxica con grandes resonancias fónicas (“carricantas”, “paspallás”, “pradairo”), hai que engadir o emprego abondoso da aliteración (“¿Dentes de diamante?”, “¿Que tal tedes o trobo?”), que fornecen unha gran sonoridade e musicalidade aos poemas. Quizais se pense na fácil memorización por parte dun público infantil. Son frecuentes tamén as enumeracións, as personificacións e incluso se observa un emprego moi sinxelo da metáfora.

Cada poema vai acompañado dunha ilustración de trazos claros de Vizoso, que amosa unha forte vinculación co contido transmitido. Os lectores e lectoras infantís han gozar Na praia dos lagartos: espazo natural idílico e espazo desexado de primeiras lecturas poéticas.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |