Libros

Os cadernos da ira

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


Os cadernos da ira

Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor
5/5 (2 votos)

Poesía, Espiral Maior, 0

ISBN: 84-89814-71-6

Os cadernos da ira alberga dúas obras xa publicadas, Prego de cargos (1991) e De mañá qué medo (Tristura e paixón en Compostela) (1993), e unha inédita, Crónica do espanto (Galiza 1936). Deste xeito, Xosé María Álvarez Cáccamo compila a súa obra de xorne social e civil máis acentuado.

Autor dunha ampla e unitaria obra poética, Álvarez Cáccamo pertence á denominada xeración dos oitenta. A crítica advirte que a pesar de certos trazos temáticos e estilísticos comúns, os poetas desta xeración (Manuel Forcadela, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, etc.) amosan características propias capaces de configurar unha estética poética singular dentro do grupo. A poesía de Álvarez Cáccamo presenta dúas liñas temáticas fundamentais: a intimista e a social. N’Os cadernos da ira conflúen en perfecta harmonía ambas tendencias. O poeta conxuga con mestría motivos socias e temas propios da súa poética máis íntima coma o paso do tempo e o seus efectos, os escenarios familiares ou a lembranza do pai.

Encabeza a obra un enérxico e explicativo limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín titulado “Hemorraxia interna” no que, tras unha lembranza emotiva do poeta, comenta e gaba os aspectos máis salientábeis de cada un dos poemarios.

A partir do expediente aberto a uns profesores dun instituto vigués nace Prego de cargos. Mediante a parodia dos escritos administrativos de denuncia e sentencia xudicial e con fortes doses de ironía e sarcasmo, o poeta manifesta de modo iracundo a superioridade dos docentes e a descualificación dos acusadores.

De mañá qué medo —definido por Ferrín como “o máis alto teito lírico conseguido por X. M. Álvarez Cáccamo na súa fecunda carreira literaria”— plasma a presenza tenaz e constante do fascismo particularizada na cidade de Compostela. A evocación do pasado vólvese só angustia e dor. A represión franquista, posibelmente nos seus últimos anos, cérnase non só sobre a voz poética, senón tamén sobre a colectividade.

Crónica do espanto constitúe un manifesto claro e vigoroso da memoria (unha palabra moi repetida) histórica fronte ao esquecemento e a amnesia. A voz poética retorna aos anos da guerra civil e con voz furiosa e tamén dorida plasma feitos arrepiantes coa “nómina macabra” dos crueis autores e “os centos de vidas” que padeceron as innominábeis accións. Polos versos de Crónica do espanto desfilan verdugos e vítimas con nomes e apelidos, espazos de crimes franquistas, datas exactas e últimas vontades dos supliciados. En Crónica do espanto, o poeta rescata un pasado terríbel e reivindica a súa memoria.

Un léxico relativo á tristura e ao medo (triste, pranto, terror) á destrución e á morte (tortura, bala, pólvora, cinza, gadoupa, fusilaron, sangue) outórgalle maior significación a temática que domina Os cadernos da ira. Interesa tamén o emprego de metáforas ousadas e orixinais. A tendencia á prosa poética que caracteriza a poesía de Álvarez Cáccamo é notoria n’Os cadernos da ira, compilación na que prima o ton narrativo e os poemas en prosa.

Poesía civil, poesía combativa, poesía irada e poesía dorida: a través d’Os cadernos da ira, Xosé María Álvarez Cáccamo denuncia a inxustiza e a intolerancia, rexeita o esquecemento, reivindica a memoria e proclama a liberdade.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |